A Escola de Arquitectura da UDC ven de publicar as opcións para desenvolver o PFG/PFM no curso 2018-2019. Un dos temas que poderá escoller o alumnado é unha proposta de Arquitectura Sen Fronteiras: a construcción dunha escola nunha das comunidades coas que ASF está a traballar dende hai 20 anos.
É a segunda ocasión na que a ETSAC oferta un tema de Habitabilidad Básica para o último traballo da carreira. Hai xa 9 anos, no curso 2009-2010, un dos temas do PFC foi a ordenación completa do asentamento da Comunidade Mª del Mar, unha chea de equipamentos e as unidades habitacionais para as 71 familias que a conforman.
Nesta ocasión o lugar de traballo será a Comunidade El Manchón, ubicada como Mª del Mar no departamento de Retalhuleu na costa sur de Guatemala. Haberá que proxectar un centro de educación para preprimaria e primaria xunto cos seus espazos deportivos e de recreo.
Este tema é froito do traballo de identificación que durante varios anos desenvolveron varias estudantes durante as suas estadías PCR en Guatemala.
Dende aquí animamos a todo o estudantado a traballar este tema, quizás a única oportunidade que terán de achegarse a un Proxecto de Habitabilidade Básica. E felicitamos á Escola, e mais de preto ao profesorado do Taller 4, por ofertar este tema. Confiamos en próximas colaboracións ASF-ETSAC como esta no futuro.
Deixar unha resposta