A experiencia de ASF Galicia en Ludantia

Ludantia

O pasado venres 11 de novembro fomos invitados a participar como poñentes na segunda xornada de formación de Ludantia, a I Bienal internacional de Educación en Arquitectura, organizada polo COAG e o Concello e a Deputación de Pontevedra.

O motivo do encontro foi compartir experiencias educativas desenvolvidas dende a arquitectura e a arte enfocadas á infancia e á mocidade. A característica común das intervencións, considerar aos nenos e nenas como protagonistas do deseño e a execución das accións.

Na Facultade de Belas Artes de Pontevedra puidemos expoñer o traballo que os grupos de Cooperación Local, Internacional e Educación realizan cos mais pequenos. A base das proposta de ASF é adoptar metodoloxías que permitan aos nenos e nenas ver, identificar, analizar, soñar, propoñer e transformar o seu hábitat a través de diferentes procesos e resultados.

Na sesión tamén participaron Proxecto Terra, Román Corbato, Taller Abierto, Sistema Lupo, Pernas Varela Arquitectos, Colectivo Re.Creo e Maumarela. Para nós foi unha oportunidade compartir tempo e espazo con colectivos e persoas con tanta experiencia e queremos agradecer, especialmente, a Xosé Manuel Rosales a súa invitación.

Deixar unha resposta