Asembleas ASF España 2017

Asemblea ASF 2017O pasado venres 30 de xuño celebráronse en Madrid as Asembleas Ordinaria e Extraordinaria de Arquitectura Sen Fronteiras España 2017. Un fin de semana intenso cuxa apertada axenda incluíu, aproveitando a oportunidade de atoparnos cara a cara xente das distintas demarcacións, outras dúas reunións de traballo.

Dúas foron as novidades máis importantes aprobadas pola Asemblea: a creación da Demarcación Territorial Asturias e a renovación da Xunta Directiva.

Para defender a súa candidatura, dende Asturias achegouse un nutrido grupo de representantes. Tras ser aprobada a súa incorporación pola Asemblea, dende Galicia desexámoslles sorte na súa recentemente iniciada andaina e ofrecémoslles a nosa axuda naquilo que precisen. O seu empeño e o seu traballo contribuirán sen dúbida ao fortalecemento de Arquitectura Sen Fronteiras.

Tras ser elixida, a xa actual Xunta Directiva Nacional quixo agradecer a todos os socios e socias a súa presenza e inestimable apoio. Na súa mente unha nova distribución nas súas vocalías. Vocalías que pretenden ser reflexo das nosas prioridades como organización no novo período 2017-2018:

  • Ángel Martín Ginard (DT Madrid): Presidencia e Vocalía de Persoal Contratado
  • David Fontcuberta Rubio (DT Comunidad Valenciana – Rexión de Murcia): Vicepresidencia e Vocalía de formación, voluntariado e vida asociativa
  • Gemma Cosialls Guillen (DT Catalunya): Secretaría e Vocalía de Personal Contratado
  • Lara Medín López (DT Galicia): Tesourería
  • Javier Cidón (DT Madrid): Vocalía de Proyectos e Vocalía de Estratexia
  • Virginia Arranz Navaza (DT Madrid): Vocalía de Comunicación e Vocalía de Captación e Persoas Socias

A Xunta saínte traballou moi duro. O progreso e mellora en cada unha das áreas é unha realidade. En paralelo, o noso equipo de persoas voluntarias e técnicas non fixeron un esforzo menor, polo que ante todo, agradecerlles a súa paixón e horas dedicadas a este proxecto común.

Con todo, este soño non sería, nin será posible, sen a axuda das nosas socias e socios. Por iso grazas, grazas por estar aí e grazas pola vosa implicación e esforzo. A vosa colaboración fixo posible desenvolver proxectos importantes nestes anos, que están a mellorar as condicións de vida de moitas persoas. Unha colaboración que che agradecemos infinitamente.

Pedra a pedra construimos dereitos a nivel estatal e internacional, loitando por un hábitat digno para colectivos vulnerables. Pero seguimos tendo grandes retos por diante. E, novos retos son os que nos motivan e impulsan para estar á altura de todo o esforzo realizado ata a data. Agora, temos ganas de seguir traballando. Temos ilusión por seguir edificando dignidade xunto a ti.

Entre todas e todos facemos ASF e desexamos que así siga sendo. Grazas, unha vez máis por formar parte deste soño, desta realidade, por crer neste proxecto.

Deixar unha resposta

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.