Quen somos

A demarcación galega de Arquitectura Sen Fronteiras foi creada en 1995 por alumnado da ETSAC. Somos una asociación de persoas voluntarias. Desenvolvemos proxectos integrais na contorna da Coruña e en América Central relacionados coa arquitectura, o urbanismo, as infraestruturas e a educación e sensibilización, co obxectivo de promover un desenvolvemento local non dependente, participativo e sustentable, respectando o medio ambiente e as diferentes culturas.

Traballamos en Cooperación Local cos seguintes obxectivos:

  • Fomentar a inclusión social dos colectivos vulnerables traballando a favor da satisfacción axeitada das súas necesidades fundamentais
  • O cumprimento das condicións básicas de habitabilidade
  • A erradicación de pautas racistas e discriminatorias da cidadanía e dos poderes públicos.

Nos últimos anos o Grupo de Cooperación Internacional centrou o seu traballo en Guatemala coas seguintes liñas de actuación:

  • Proxectos de mellora do hábitat domiciliar a través do acceso a unha vivenda digna
  • Proxectos de mellora de infraestructuras educativas
  • Proxectos de mellora de infraestructuras de saúde

Dende o Grupo de Educación para o Desenvolvemento prestamos atención á educación e a sensibilización da nosa sociedade, informando, denunciando e chamando á participación da cidadanía mediante actividades como:

  • Cursos online sobre o dereito ao hábitat
  • Seminarios
  • Exposicións
  • Unidades didácticas
  • Charlas e obradoiros en centros de educación formal e non formal.

O organigrama de traballo de Arquitectura Sen Fronteiras Galicia complétase de forma transversal aos anteriores cos grupos de Voluntariado e Formación e o de Comunicación.

O mellor modo de colaborares connosco é achegares as túas ideas, o teu traballo e a túa ilusión, formando parte dun dos grupos de traballo ou con colaboracións puntuais. Tamén podes facerte socio ou socia e contribuir así á independencia financeira da organización.

Para saberes máis sobre o noso traballo pasa polo noso local no 2º andar da ETSAC, escoita o noso podcast visitanos en facebook, síguenos en twitter ou suscríbete ao noso boletín electrónico.