Compromiso de garantir o mínimo risco dos nosos investimentos
Política de investimentos financeiros da ONGD Arquitectura Sen Fronteiras
ASF por ser unha organización sen ánimo de lucro caracterizouse en todo momento pola austeridade na xestión dos seus recursos económicos e considera a transparencia como un dos seus valores prioritarios.
Como membro da Coordinadora adhírese aos criterios éticos que propón o Código de Conduta das ONG de Desenvolvemento: responsabilidade, transparencia, austeridade, respecto á vontade dos doantes, redución de riscos e orientación ao logro dos obxectivos e misión.
ASF basea a súa actual política financeira no criterio fundamental de non investir os seus fondos en produtos financeiros, garantindo deste xeito que todas as achegas que se obteñen das súas persoas socias, de doantes particulares e de entidades públicas e/ou privadas destínanse integramente a financiar proxectos de desenvolvemento internacional ou local nos lugares onde traballan. Destas achegas dedica unha porcentaxe adecuada ao funcionamento xeral da ONG.
Os fondos de ASF proceden de:
- Fondos privados: Fondos que proceden das cotas das persoas socias, das achegas de persoas físicas ou xurídicas sen unha finalidade determinada. Outras doazóns de persoas físicas ou xurídicas para apoiar a realización dun proxecto determinado.
- Fondos públicos: Proceden de subvencións de administracións públicas e/ou entidades bancarias para a realización de proxectos ou actividades determinadas e sometidos a unha normativa legal e administrativa para a súa adxudicación, xestión e xustificación.
Este documento quere establecer os principios e criterios para a realización de investimentos financeiros se se producisen nun futuro por motivo de fortalecemento institucional da ONG, con estes diferentes tipos de fondos. Terase como normativa de referencia, o Código de Conduta das entidades sen ánimo de lucro para a realización de investimentos temporais no ámbito do mercado de valores establecido polo Acordo do 20 de novembro de 2003, do Consello da Comisión Nacional do Mercado de Valores. Todo iso para garantir que se xestionen de forma eficiente os recursos financeiros, tendo en conta as consideracións ético-sociais oportunas, e para formalizar un compromiso cos doantes que garanta o máximo rendemento das súas achegas sen que iso implique risco.
Enténdense por investimentos financeiros tanto os depósitos, préstamos, cesións de activos ou calquera outra cesión de capitais a terceiros con obrigación de restitución, como os valores e instrumentos financeiros destinados a rendibilizar o efectivo da ONGD ASF. Todo iso conforme ás definicións contidas na Resolución do Banco de España de 19/12/03 e o Acordo da CNMV de 20/11/03.
O principio fundamental que guiará o investimento dos recursos será o de prudencia, en orde a preservar o patrimonio da ONG fronte aos riscos de cambio ou de mercado. De conformidade con este principio evitarase o uso especulativo dos recursos financeiros, quedando prohibidas en todo caso as seguintes operacións (art. 2.II .3 do Acordo citado da CNMV):
- Vendas de valores tomados en préstamo ao efecto
- Operacións intradía
- Operacións de futuros e opcións salvo as realizadas con fins de cobertura
- Calquera outras de análoga natureza
Para a selección dos investimentos financeiros temporais seguiranse os criterios de seguridade, solvencia, liquidez, diversificación do risco, non especulación e teranse en conta valores éticos e morais:
- Seguridade: É a razoable certeza da recuperación íntegra do investimento. Baixo este criterio, ASF só operará con activos ou valores de renda fixa emitidos polo Estado, as entidades españolas públicas ou privadas de recoñecida solvencia, como principais bancos e caixas de aforro ou grandes empresas.
- Liquidez: É a posibilidade de facer efectiva a recuperación do investimento no momento desexado.
- Solvencia: É a capacidade financeira (capacidade de pago) da empresa para cumprir as súas obrigacións de vencemento a curto prazo e os recursos con que conta para facer fronte a tales obrigacións. É contar cos bens e recursos suficientes para apoiar os adeudos que se teñan contraídos, aínda cando estes bens sexan diferentes ao efectivo.
- Rendibilidade: É o interese ou rendemento financeiro conseguido polo investimento. Baixo este criterio, Arquitectura Sen Fronteiras buscará a optimización dos seus investimentos, aínda que subordinándoa sempre aos criterios previos de seguridade, solvencia e liquidez.
- Diversificación: É a adecuada distribución dos investimentos entre os diversos valores e demais activos financeiros, así como dos seus emisores. Baixo este criterio, ASF procurará que en todo momento haxa un equilibrio entre eles, de xeito de que se compensen entre si os riscos e as oportunidades de investimento.
- Non especulación: Evitarase a realización de operacións que respondan a un uso meramente especulativo dos recursos financeiros.
- Valores éticos e morais: valorarase que os emisores dos investimentos teñan como principios de actuación a xustiza social, a solidariedade, o respecto aos dereitos humanos e a protección do medio ambiente. En especial priorizarase a Banca Ética.