¿Cal é o contexto guatemalteco e a súa historia?

Dende Guatemela, bos dias, tardes ou noites a todas!

Queremos seguir poñéndovos en situación posto que o certo é que A nosa pequena andaina en Guatemala ten unhas raíces moito máis profundas das que pode parecer a simple vista, polo que nos gustaría porvos en situación.

Como ben sabedes, ambas chegamos ao país como voluntarias de Arquitectura Sen Fronteiras Galicia. Esta organización funciona a nivel estatal, e é a demarcación galega, ademáis da Valenciana, a que opera en terreo guatemalteco. Arquitectura Sen Fronteiras defende o acceso a un hábitat digno para todas as persoas, entendéndoo como un dos piares fundamentais dos dereitos humanos. En resumo, o acceso a unha vivenda e hábitat mínimos asegúralle a todas as persoas un espacio de seguridade no cal poder procurarse tanto unha boa saúde física como psicolóxica. Sobre estes principios asentamos todo o noso traballo, e é a partir disto que artellamos un enfoque integral do hábitat: a saúde e a educación vense reforzadas no momento no que contan con espazos específicos e protexidos nos cales se poden levar a cabo as actividades de hixiene e aprendizaxe, entre outras.

E como se traduce isto a un contexto do sur? Para elo temos en conta a historia do país de Guatemala. As comunidades indíxenas son, dende hai séculos, unhas das grandes afectadas polo sistema de propiedade da terra, carecendo de dereitos sobre as terras nas que se asentan. Ademais, froito do conflito armado que ocorre no país durante a última metade do século pasado, estas comunidades vense desprazadas e sometidas, o que fará que xurda o coñecido como Movimiento de Lucha por la Tierra. Durante 1992 as comunidades mayas mam de Cajolá (do departamento de Retalhuleu) iniciaron un movemento de reivindicación e resistencia fronte as autoridades co obxectivo de obter a concesión de terras para poderen asentarse e acceder a unha vivenda.

21 de Julio de 1992. Plaza de la Constitución, Ciudad de Guatemala

Dende entón son moitos os anos de loita, e son organizacións como a indíxena ASIAPRODI, que traballa no departamento de Retalhuleu, as que pretenden trasladar ás estruturas asamblearias e representativas do país todas as melloras que se van obtendo en materia de acceso ao hábitat digno. No caso de Arquitectura Sen Fronteiras, o noso traballo pode desenvolverse grazas a ela posto que funciona de eixo articulador entre a ONGD e as comunidades. Hai que recordar que nestas comunidades hai unha porcentaxe da poboación que descoñece a lingua castelá, e é a través das linguas mayas que se transmite o coñecemento. A nosa misión en Guatemala nunca tería sentido sen contar co seu inestimable apoio e dedicación. É a propia comunidade a que decide e pon en funcionamento os mecanismos participativos e asamblearios necesarios. Isto é fundamental no entendemento que dende ASF temos da cooperación ao desenvolvemento en clave de acceso ao hábitat: debe ser a través da produción social do hábitat. A vivenda é un dereito colectivo, e como tal ha de procurarse de xeito colectivo.

Podedes consultar na seguinte publicación [Historia del movimiento de lucha por la tierra del Pueblo Mam de Cajolá, Guatemala] máis información sobre este contexto tan complexo.

Esperamos ter cumprido, con estas e anteriores entradas, o noso obxectivo de acercarvos máis ao contexto guatemalteco e ó traballo que leva a cabo ASF no pais cos seus diferentes proxectos.

Apertas!

Rebeca e Elena.

Deixar unha resposta