Proxecto de saúde reprodutiva accesible

con énfase nas mulleres indíxenas das áreas rurais
Chinique, Departamento de El Quiché. 2012-2013

2012 Chinique Casa Materna

O proxecto ten como obxecto a mellora do acceso á saúde sexual e reprodutiva da poboación da área rural do Departamento do Quiché, especialmente para as mulleres indíxenas, asegurando uns servizos de prevención e atención adecuados segundo os criterios de pertinencia cultural, para a poboación de referencia de 15 Distritos de saúde do Departamento do Quiché.

O proxecto xorde da alianza entre Arquitectura Sen Fronteiras coas organizacións españolas Médicos del Mundo e Farmacéuticos Mundi e as contrapartes guatemaltecas ASECSA e Médicos Descalzos. Con este proxecto alcanzáronse os seguintes resultados:

- Incidir na mellora das capacidades do persoal sanitario para ofrecer unha atención con pertinencia cultural

- Fortalecer as capacidades do colectivo de comadronas tradicionais, ao habilitar infraestruturas adecuadas para garantir o traballo e a atención ás mulleres xestantes

- Mellorar as condicións de acceso a medicamentos esenciais

O labor de Arquitectura Sen Fronteiras centrouse nas mellora das instalacións do Consello de Comadronas Tradicionais do Quiché, levando a cabo a construción dunha casa materna de atención a pacientes, a mellora do salón comunal, a construción dun temascal e a construción dun laboratorio de procesamento de plantas medicinais.

Cabe destacar o uso do adobe como material para a construción da casa materna e temascal, achegando un valor engadido ao proxecto no que se refire a pertinencia cultural e sustentabilidade ambiental. Para esta construción empregouse unha tecnoloxía sismorresistente desenvolvida polo Proxecto Taishin da Universidade do Salvador, garantindo así a súa estabilidade estrutural. No caso do laboratorio o sistema empregado foi o ladrillo confinado.

Departamento de El Quiché

Nome do proxecto: Saúde reprodutiva accesible

Lugar: Departamento de El Quiché, Guatemala

Data de execución: 2012-2013

Financiador: Agència Catalana de Cooperació al Desenvolepament e Xunta de Galicia

Presuposto: 100.000 + 200.000 €

Demarcación responsable: Arquitectura Sen Fronteiras, Galicia

Contraparte: Médicos Descalzos e ASECSA

Ficha: PDF

Coa colaboración de: