Asentamentos Precarios da Coruña

Introducción

A finais do ano 2010 ASF-Galicia elabora un marco estratéxico para o traballo en acción social (Cooperación Local) onde amplía e aumenta o seu ámbito de traballo centrado en tres obxectivos:

1. Diminuír a situación de exclusión e marxinación social nos asentamentos precarios mediante a sensibilización da cidadanía, a incidencia política cos poderes públicos e a mobilización social.

2. Mellorar as condicións de habitabilidade da poboación obxectivo, traballando no diagnóstico de realidades complexas e o asesoramento técnico en materia urbanística, arquitectónica e construtiva, en colaboración con todos os actores sociais implicados.

3. Fomentar a inclusión da poboación obxectivo a través da cohesión e o empoderamento social, a educación, a formación e o emprego.

Para levar a cabo o marco estratéxico de traballo de acción social no ámbito local é necesario crear equipos técnicos de traballo que coordinen e encaren o futuro da intervención en acción social.

No marco estratéxico do traballo de cooperación local de ASF preténdese dar cobertura ao problema que se está vivindo nos asentamentos precarios e chabolistas da área comarcal, tanto a nivel de habitabilidade coma no ámbito social e cultural, combatendo as causas que xeran e perpetúan esta situación de exclusión social e fomentando as ferramentas que favorezan a inclusión social da poboación obxectivo.

Actualmente existen tres asentamentos precarios en A Coruña (Barrio do Campanario en O Portiño, Parcela Gabarri Borja en As Rañas e o Asentamento Chabolista de A Pasaxe) e un asentamento virtual correspondente á precaria realidade que está a vivir a poboación que procede do Poboado de Penamoa, recentemente desmantelado.

As persoas que viven nestes asentamentos non disfrutan dos dereitos sociais básicos en igualdade de condicións co resto dos cidadáns (saúde, educación, vivenda, etc.). Esta carencia remarca a situación de illamento físico en que viven e ademáis négalles o dereito á participación social e á cidadanía. A existencia dun asentamento chabolista xera e manifesta un proceso de exclusión que debilita o vínculo (de tipo económico, laboral, social, etc.) entre a persoa e o resto da sociedade. Son precisas intervencións integrais e coordinadas entre as distintas administracións para afrontar a complexidade desta realidade.