Asentamentos Precarios da Coruña

As Rañas

“O asentamento de As Rañas orixínase no ano 1986 a causa do desaloxo das familias da zona da Cubela, con motivo da construción dunha grande superficie comercial. Por mor deste desaloxo o matrimonio Gabarri-Borja decide mercar e asentarse nunha leira na periferia do núcleo rural de As Rañas, ao oeste do polígono industrial de Pocomaco.

O asentamento está formado por 84 persoas distribuídas en 22 núcleos familiares, todas elas son descendentes da matriarca, María Borja Gabarri. En As Rañas a integración social é forte, e aínda que o nivel educativo das familias é baixo, todos os nenos e nenas desta comunidade están escolarizadas. As actividades laborais dos poboadores son principalmente a venda ambulante e a compravenda de chatarra.

O asentamento está afectado pola construción da 3ª Ronda e o trazado do AVE e a súa vez polo trazado da vía de acceso á futura Cidade da Tecnoloxía. Esta intervención prevista no plan illaría o asentamento invadíndoo ou rodeándoo dun armazón de infraestruturas, empeorando a situación de exclusión na que vive a poboación”.

2007: O proxecto de rehabilitación para As Rañas

No mes de setembro de 2007, o Concello da Coruña presenta na súa páxina web e ante os medios de comunicación o proxecto de rehabilitación para o asentamento de As Rañas, encargado ao arquitecto sevillano Santiago Cirugeda, dentro do Programa de Erradicación do Chabolismo da cidade, como exemplo do compromiso coa vivenda e o emprego, toda vez que esta actuación permitirá recuperar e acondicionar as 19 infravivendas do barrio, así como formar aos veciños, que participarán na autoconstrución, o que lles permitirá acceder ao mercado laboral.

Fronte a estas intencións do proxecto e despois de catro anos da presentación oficial, a situación no barrio vulnera os dereitos fundamentais dos e das suas habitantes. Actualmente, e dando o proxecto por “finalizado”, realizaronse as seguintes intervencións:

- Rehabilitación de 3 infravivendas
- Sustitución de 3 chabolas por 3 vivendas prefabricadas
- 13 infravivendas, en condicións que afectan gravemente á saúde e á seguridade das persoas, non foron obxecto de ningunha intervención municipal

Análise da intervención municipal en As Rañas

A intervención municipal en As Rañas careceu da fase de identificación e formulación, polo tanto fallou na fase de execución e ademais non realizou seguemento nin avaliación.

- A identificación das necesidades, a formulación de partida e a planificación da intervención foi deficiente, carente dunha análise rigorosa da problemática e coñecemento das circunstancias reais dos e das poboadoras do barrio.

- As intervencións nas vivendas foron intermitentes, discontinuas e cunha carencia total de organización e de aplicación de criterios consensuados de priorización.

- A información que chegou ás familias foi a través de conversas informais, individuais, con permanentes cambios de criterio e numerosas promesas incumpridas, existindo en todo momento, tanto coa cidadanía coma coas entidades sociais e coas persoas residentes do poboado, unha falta total de transparencia respecto ao proxecto. As familias non posúen ningún documento sobre o compromiso por parte do Concello respecto ao Proxecto Municipal nas Rañas que expoña as condicións de partida da intervención.

- As e os actores implicados na intervención (persoal técnico do Concello, persoal técnico da FSG, o arquitecto Santiago Cirugeda) non acudiron de forma continuada ao terreo para realizar o seguemento e avaliar os problemas que a intervención municipal estaba acarrexando ás e os habitantes de As Rañas.

- A compoñente de capacitación e inserción laboral non se levou a cabo, non se impartíu ningún curso de formación nin se permitiu a participación das familias na rehabilitación das vivendas, que era un dos obxectivos principais expostos polo Concello na presentación do Proxecto.

2012: Situación actual no asentamento de As Rañas

Todo isto xerou nas persoas que habitan o barrio unha situación de desamparo e indefensión, así como un clima de tensión entre elas fomentado polas desigualdades xeradas pola intervención municipal.

13 familias seguen á espera de información e apoio por parte do Concello de A Coruña para garantir o seu dereito a un hábitat digno.

Entendemos que a intervención municipal no poboado de As Rañas (participada entre o Concello de A Coruña, o arquitecto Santiago Cirugeda, a entidade Fundación Secretariado Xitano e a constructora Anjoca) foi un fracaso pois, a pesar das intencións e do investimento realizado, non se chegaron a especificar as medidas concretas para conseguir os resultados esperados.