Plan de Inclusión Social 2014

Área de Educación

Actividades de persoas adultas

As dúas actividades eixe nesta área correspóndense coas clases destinadas ás persoas adultas de As Rañas, no Centro Cívico Municipal de Elviña, e de A Pasaxe, no Centro Cívico Municipal de Palavea (ambos centros de referencia para a poboación):

a) Alfabetización e educación de adultos coas persoas residentes en A Pasaxe. Inicialmente tiña lugar un día á semana. En outubro de 2014 ampliouse esta actividade a dous días á semana: martes e xoves de 16:00 h. a 17:15 h

b) Apoio para a preparación de probas de Educación Secundaria de Adultos coas persoas residentes en As Rañas. Dous días semanais: mércores e venres de 10:00 h. a 12:00 h

Alfabetización

O seu desenvolvemento contou coa colaboración do grupo de persoas voluntarias apoiado e coordinado pola técnica contratada nese momento (educadora social). A comunicación e planificación das sesións leváronse a cabo de xeito conxunto polo propio grupo de traballo.

Fíxose unha proba de nivel inicial a todas as persoas participantes destas actividades, contando cun seguimento do seu proceso a través da avaliación de resultados e control da asistencia.

Para facilitar a conciliación ofreceuse a posibilidade de levar as/os fillas/fillos ás clases.

Seguimento da escolarización dos e das menores

Seguimento nos cursos 2013-2014 e 2014-2015 a través do contacto e mediación con axentes referentes da comunidade educativa dos centros escolares aos que asisten as nenas e nenos de As Rañas e A Pasaxe.

O traballo foi levado a cabo de xeito conxunto coa Oficina de Cooperación e Voluntariado (OCV) da Universidade da Coruña, que durante o 2014 estaba a desenvolver un proxecto de voluntariado relacionado co apoio educativo en As Rañas. Tratouse de implicar e facilitar a participación por parte dos centros educativos de referencia para a poboación de As Rañas: concretamente o CEIP Manuel Murguía e o IES de Elviña.

Realizáronse diversas accións encamiñadas a facer o seguimento da escolarización e a dar resposta ás demandas e necesidades das e dos menores:

- Visita por parte do IES Elviña en As Rañas (25 de xaneiro de 2014)

Asistencia de diferentes membros do IES (xefe de estudos, orientadora, educador social e profesoras de apoio) para coñecer o asentamento e o traxecto ata a parada do bus escolar dende o mesmo. Reunión grupal para detectar as demandas e necesidades así como visitas a domicilio para expoñer a situación persoal de cada menor.

Solicitude oficial de cambio de parada do transporte escolar en As Rañas levada a cabo polo propio instituto.

Aproximación á realidade cotiá das e dos menores e achegamento ás propias familias.

- Reunións de seguimento, en colaboración coa OCV, sobre a situación escolar de cada alumna/o de As Rañas

- Reunións de seguimento co persoal de dirección, orientación e profesorado dos CEIP e IES

- Contacto telefónico para resolver dúbidas puntuais sobre procesos de matriculación, facer seguimento dos resultados obtidos polas/os alumnas/os, etc.

- Reunións cos centros para estudar a posibilidade de acceso e/ou continuación na educación formal (FP Básica, outras)

- Seguimento das actividades realizadas nos centros e que tivesen unha relación directa cas e cos menores

Obradoiro de Fotografía Entre Nós

Actividades de educación non-formal: colaboración no Obradoiro de Fotografía Entre Nós. Esta actividade, aínda non sendo específica da Área de Educación, ofreceu a posibilidade de establecer un contacto máis directo cos e coas adolescentes, coas súas formas de relacionarse, coas súas capacidades, etc.; feito que apoiou a comprensión da situación entorno á propia.

Actividades en colaboración con outras áreas e grupos

Formación pre-laboral

Colaboración coa Área Laboral na derivación a servizos especializados ou a información sobre cursos de formación ocupacional e laboral impartidos por outras entidades, como parte do proceso dentro dos Itinerarios Personalizados de Inserción Laboral.

Envío da información directamente ás usuarias para facilitar o coñecemento e as solicitudes nas entidades na forma en que éstas teñan estipulado e/ou derivación se a entidade así o solicitou.

Traballouse en colaboración con: Centro Municipal de Emprego, Cruz Vermella, Fundación Ronsel, Fundación Mulleres e a Fundación Secretariado Xitano entre outras.

Charlas de sensibilización en centros educativos

Charla de Mulleres Colleiteiras

A través do proxecto sociolaboral Mulleres Colleiteiras, e coa finalidade de difundir o proxecto e sensibilizar social e medioambientalmente, xurdiu a oportunidade de impartir charlas de sensibilización e videoforums nos centros educativos.

As charlas foron coordinadas dende a Área Laboral xunto ás participantes do proxecto Mulleres Colleiteiras, contando ademáis co apoio do Grupo de Traballo de Educación para o Desenvolvemento.

Coa colaboración de:
Xunta de Galicia
Obra Social La Caixa
Deputación A Coruña
Edar Bens
Concello de A Coruña
Fundación Paideia
CEIP Emilia Pardo Bazán
Concello de Culleredo