Plan de Inclusión Social 2015
Plan de Inclusión Social 2015
Área de Habitabilidade
En Xaneiro continuamos co proceso de acompañamento á poboación de As Rañas na presentación de alegacións ao Concello de A Coruña, área de Medio Ambiente, co apoio do avogado Fran del Buey. O asentamento de As Rañas atópase incluído na área de afección do vial de acceso ao Porto Exterior conexión AC-14. Por este motivo os residentes foron notificados o 24 de novembro de 2015 da información pública do Plan Especial e do prazo para a presentación das alegacións. ASF estivo acompañando tanto o proceso de información urbanística, de recopilación de datos a nivel técnico, histórico e xurídico e de presentación de alegacións. Con motivo da preparación desta alegación realizase unha recopilación de padrones históricos e de convivencia de todas as personas das Rañas, un informe técnico da situación do asentamento, un informe histórico das intervencións municipais levadas a cabo no asentamento e se establecen canles de comunicación e de participación coas familias.
Dende Febreiro ata Agosto trabállase na identificación, no diagnóstico e na xestión de axudas de emerxencia para levar adiante accións en relación a dúaas UC’s de As Rañas que se valoran coma accións de emerxencia social, e se informa ao Concello para dotar de fondos e poder levalas adiante co apoio técnico e social de ASF. Trátase de accións vinculadas ao ámbito da accesibilidade e ao ámbito da salubridade. Realizouse a identificación da necesidade cos e coas usuarias, o informe do diagnóstico ocular da situación habitacional, a proposta técnica e social, e o seguemento e acompañamento na execución da proposta.
En Febreiro e Marzo seguiuse traballando na recopilación de información técnica sobre a situación de cada UC afectada pola orden de derribo da Nave La Toja en Pasaxe, realizando informes técnicos individualizados e diagnósticos específicos enfocados á presentación de propostas á propiedade e ao Concello a partir das aspiracións das persoas afectadas.
Durante todo o ano se realiza seguemento dos itinerarios habitacionais de unidades convivenciais que o solicitan, tanto coa poboación dos asentamentos coma con UC’s xa realoxadas en vivendas normalizadas, en distintas xestións vinculadas á vida cotiá. Non se incidiu moito nesta liña de acción por considerarse que as medidas existentes para favorecer o acceso a un hábitat digno, por parte da administración municipal, non se adecuaban ás necesidades reais das persoas habitantes dos asentamentos precarios.
Nos mes de Xuño, co acompañamento á nova corporación municipal aos asentamentos, empezouse a falar da necesidade de redactar un Plan de acceso á vivenda, proceso no que se implicou a entidade ASF por considerar necesario a implementación dun plan real de acción que adecuara as medidas propostas dende a administración á realidade existente nos asentamentos precarios de A Coruña.
Plan de acceso ao hábitat digno para as persoas habitantes dos asentamentos precarios na cidade da coruña (PAHD 2016)
O Plan de Acceso ao Hábitat Digno para as persoas habitantes dos asentamentos precarios na cidade da Coruña (PaHD 2016) vén dado pola decisión e compromiso do Goberno Municipal da Coruña de eliminar a situación do chabolismo mediante un enfoque integral, coordinado e coherente co modelo actual de cidade inclusiva. Este proxecto foi impulsado e liderado pola Concellaría de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda en colaboración coas concellerías de Participación e Innovación Democrática, Igualdade e Diversidade, Emprego e Economía Social, Medio Ambiente e Sostenibilidade e Xustiza Social e Coidados. O deseño e redacción foron levados a cabo entre setembro e novembro do 2015 pola entidade Arquitectura Sen Fronteiras (ASF-Galicia) e incorporou a súa experiencia dos últimos cinco anos de traballo.
ASF foi unha das entidades invitadas a presentar unha oferta técnica e económica para a redacción dun Plan de acceso ao hábitat digno para as persoas habitantes de asentamentos precarios na cidade de A Coruña e a súa proposta foi seleccionada entre os 5 participantes, no mes de agosto de 2015.
O proceso de elaboración e redacción do Plan tivo lugar entre os meses de setembro e novembro de 2015. O traballo de ASF- Galicia como redactora do Plan basouse na colaboración cos e coas axentes políticas e técnicas así como da propia poboación dos asentamentos, para transmitir de forma real a importancia da situación do chabolismo na Coruña e as súas consecuencias na vida cotiá das persoas.
No plano político, celebráronse reunións de información e coordinación co Equipo de Goberno, así como a presentación e revisión do documento en varias fases do proceso para a recollida de observacións. A identificación de competencias e recursos nas diferentes áreas administrativas do Concello da Coruña e a inclusión de propostas e comentarios foron os principais obxectivos destas reunións e revisións. Entre estas reunións celebráronse de xeito individualizado con cada unha das Concellerías implicadas no Plan, citadas con anterioridade, en xeral coa asistencia da persoa concelleira e da asesora, reforzándose o número de reunións coas concellerías de Igualdade e Diversidade e con Participación e Innovación Democrática incidindo no organigrama de recursos humanos existentes. Asemesmo mantiveronse outras reunións de coordinación entre varias concellerías, nomeadamente con Rexeneración Urbana e con Xustiza Social.
Visita do alcalde, Xulio Ferreiro, ao asentamiento de A Pasaxe. Foto: Concello da Coruña
Realizáronse varias reunións comunitarias coas persoas habitantes dos asentamentos co obxectivo de informar sobre o desenvolvemento do Plan e de promover a súa participación como axentes protagonistas do proceso. Así mesmo, tiveron lugar visitas por cada familia ou grupo de familias para clarificar dúbidas e recoller certa información base que permitise definir unha tendencia por cada asentamento. Estas reunións comunitarias foron posibles en As Rañas e A Pasaxe; para o caso de O Portiño tiveron lugar dúas reunións con informantes clave pertencentes á Asociación de Veciños do Barrio de O Campanario e con influencia dentro da comunidade. O tema foi exposto con certa prudencia e evitando na medida do posible a creación de expectativas ou interpretacións erróneas sobre cáles serían os procedementos.
Entre o equipo de traballo contouse coa aportación dunha asesoría técnica impartida por Santiago Avión, que consistiu en asesoramento continuo en cuestións específicas do Plan e sesións presenciais que resultaron estratéxicas para a redacción do documento.
Ademais das persoas que realizaron a asistencia técnica proposta para dirixir, coordinar e dinamizar a redacción do Plan, contouse coa colaboración de todo o grupo de cooperación local que se implicou intensamente no Proxecto. Ademáis, o Plan incorpora a experiencia e información acadada por ASF-Galicia no traballo coa poboación dos asentamentos nos últimos anos.
A entrega do borrador realizouse o 30 de novembro, tal como indicaban as bases. Sobre este documento recibíronse comentarios e aportacións por parte do Concello e a partir dunha máis detida revisión por parte de ASF, rematouse e entregouse o documento definitivo o 22 de xaneiro de 2016.
O equipo de traballo de ASF-Galicia conta cunha base de documentación no que se recollen as preparacións e actas das reunións cos diferentes interlocutores implicados, a información e conclusións extraídas das diversas reunións comunitarias e por UC, o proceso de planificación do traballo de elaboración do Plan así como a totalidade do material empregado.