Plan de inclusión social en As Rañas e A Pasaxe

Proxecto Itinerarios Habitacionais

 GAL 67/12 Itinerarios Habitacionais
 País/Localización Galicia, España
 Contraparte -
 Financiadores Xunta de Galicia
Consellería de Traballo e Benestar
 Persoas beneficiarias Poboación dos asentamentos chabolistas na Pasaxe e As Rañas en risco de exclusión social
 Orzamento total 6.569,18€
 Data de comenzo Xaneiro 2012
 Data de finalización Decembro 2012
 Memoria xustificativa PDF (6,9Mb)

 

A partir do informe de habitabilidade elaborado cos datos recollidos nas fichas de identificación das unidades de convivencia, redáctase un diagnóstico de habitabilidade que reflicte tanto os recursos dispoñibles coma as necesidades identificadas de cada UC. Isto achega as pautas de partida para esbozar os diferentes Itinerarios Habitacionais de cada UC, dos que se priorizan 14 deles seguindo uns criterios definidos polo grupo de traballo e valorando os que contan cunha maior implicación activa por parte das persoas beneficiarias ou ben se consideran casos de emerxencia humanitaria.

As distintas actividades desenvolvidas, con especial énfase no traballo de campo, permitiron crear gran complicidade entre o voluntariado de ASF-Galicia e a poboación, o que que tivo como resultado o acompañamento desta nun proceso de tránsito encamiñado a alcanzar un modelo habitacional axeitado ás súas necesidades e aspiracións.

Un dos obxectivos fundamentais é procurar novas alternativas habitacionais a medio-longo prazo para a poboación dos asentamentos precarios e activar propostas para a súa implementación contando co compoñente de inclusión socio-laboral e, con carácter urxente, promover medidas comunitarias relacionadas coa salubridade nos asentamentos. Neste sentido, o traballo técnico é imprescindible para articular novos mecanismos que resulten máis eficaces e eficientes para a loita contra o chabolismo e a exclusión social, incentivando procesos baseados na implicación directa da poboación e na coordinación e suma de sinerxías entre distintas entidades e recursos.

Algunhas das propostas habitacionais puxéronse xa en marcha e están a ser avaliadas por técnicos dos servizos sociais comunitarios, cos que se está a traballar de forma coordinada para alcanzar unha alternativa habitacional viable e sostible para estes casos. Paralelamente, coordináronse esforzos co equipo da área de inserción socio-laboral do Programa de Inclusión Social en asentamentos chabolistas de ASF-Galicia.

Adicionalmente, realizáronse outras accións auxiliares:

- Análise documental da lexislación relativa ao ámbito da intervención, dos recursos materiais potenciais e dispoñibles e a análise de actores, mediante a asistencia a xornadas informativas acerca da lexislación relativa ao ámbito da habitabilidade para a erradicación do chabolismo e ao Seminario: "Políticas de Realoxo con poboación xitana. Mecanismos e oportunidades de financiamento" dentro do marco das Políticas da Unión Europea, organizado polo Concello da Coruña e a Fundación Secretariado Xitano

- Reunións co Concelleiro e co Director de Servizos Sociais do Concello da Coruña, coa Concelleira de Servizos Sociais e co Concelleiro de Urbanismo do Concello de Culleredo, co Concelleiro de Servizos Sociais do Concello de Oleiros, co Presidente e co Director da Área de Servizos Sociais do Consorcio dás Mariñas, IGVS, así como múltiples reunións informativas de recoñecemento dos recursos privados existentes (humanos e materiais) vinculados á área de habitabilidade-salubridade

- Recompilación de información no contexto da Unión Europea: lexislación e recursos potenciais e dispoñibles

- Acompañamentos e visitas a posibles bens vinculados aos itinerarios habitacionais

- Desenvolvemento do traballo técnico necesario (formulación de subvencións públicas ou solicitudes de financiamento privado, bases para a redacción de proxectos arquitectónicos, tramitación e propostas de alegacións urbanísticas, etc.) para activar as propostas de implementación dos itinerarios habitacionais trazados

- Implementación de medidas comunitarias de mellora das condicións de salubridade nos asentamentos

Dentro das actividades realizadas coa comunidade, destaca a limpeza da franxa da ría do Burgo lindante ao asentamento da Pasaxe. Esta actividade formulouse como unha xornada comunitaria encamiñada ao empoderamento e a organización da poboación. Os traballos enfócanse cara a un ben natural e público como é a ría e o seu ámbito ambiental, afastándose así de intereses particulares dentro do propio poboado e mostrando á cidadanía coruñesa a capacidade e o interese da comunidade xitana e portuguesa polo coidado do medio que é tamén, en moitos casos, o seu medio de vida. Como valor engadido da actividade programouse unha comida comunitaria que finalmente a climatoloxía desprazou á vivenda dunha das familias. Ao longo da xornada o ambiente de traballo e participación contaxiou a todos os participantes que demostraron as súas ganas de mirar cara a adiante e mellorar a súa situación.

Limpeza da Ría do Burgo

Xornada de limpeza da franxa da ría do Burgo colindante ao asentamento de A Pasaxe

Co obxectivo de dar continuidade ao traballo desenvolvido durante o ano, preténdese prolongar a actividade de formulación dos itinerarios habitacionais, mantendo o contacto coas familias así como encontrar a viabilidade para dar continuidade aos procesos iniciados, xa que se tratan de obxectivos a medio ou longo prazo que non finalizan no cronograma do proxecto senón que requiren dun seguimento por parte do grupo de traballo que se sosterá no tempo, na busca do obxectivo final do proxecto; lograr novas alternativas habitacionais conxuntamente coas familias e propoñer unha solución integral viable aos asentamentos precarios e a exclusión social.

Coa colaboración de:
Xunta de Galicia