Crónica do ReEncontro 2018

ReEncuentro 2018

O pasado sábado 4 de agosto tivo lugar no Pazo de Mariñán un evento moi especial para todo o voluntariado (o de hoxe e o de onte) de Arquitectura Sen Fronteiras Galicia.

A actividade organizouse de forma conxunta entre o grupo de traballo de Voluntariado e Formación e a Xunta Directiva. O motivo? Como se lle expuxo a todas as invitadas: ”Non é que sexa o noso 50 aniversario ou que teñamos chegado ás 100 persoas voluntarias, pero é que nos apetece!”

E o certo é que a base voluntaria merece de cando en vez un descansiño, non podemos esquecer que estes espazos de ocio e relación son moi importantes para manter o motor da organización, que non é máis que as persoas que a conforman.

Para esta ocasión quixemos invitar a todas as persoas que nalgún momento tiveran relación con ASF, dende as voluntarias que entraron a formar parte da asociación hai un mes ate as primeiras fundadoras que emprenderon un fermoso camiño xa no 1995.

Un total de 25 persoas que pasaron por diversas etapas de ASF, acudiron á cita e pasaron un día cheo de recordos e emocións.

A primeira actividade ocupou toda a mañá. Tratouse de un xogo estilo Trivial no que dúas das nosas compañeiras puxeron a proba os nosos coñecementos sobre ASF. Entre pregunta e pregunta, mensaxes de todas as partes do mundo de antigas persoas voluntarias que non puideron achegarse, aparecían para sorprender a todas as participantes un pouco máis.

Na segunda parte da xornada, tras unha comida estival, repartíronse os premios aos equipos gañadores, pero fora o posto que fora, o certo é que todas levamos un delicioso chocolate ou unha libretiña bonita. Aproveitando a atención das participantes, deuse un pequeno discurso de recoñecemento pola labor voluntaria a todas as persoas que nalgún momento decidiron dedicarlle tempo a ASF e compaxinalo coa vida, estudos, traballo ou familia.

ReEncontro 2018

De novo a todo o voluntariado, grazas!

Como peche, fíxemos un recoñecemento especial á única voluntaria que leva vivindo todas as etapas de ASF dende 1995. Para ela, un caderno con memorias de todos estes anos e todo o agarimo das persoas presentes no acto. É un pracer contar con xente así na organización.

Xa na última hora, distribuíronse polas mesas fotos de todos estes anos, para que cada quen puidese levar o seu recordo personalizado. E como non, xa de estar nun lugar con tanta historia e nunha contorna privilexiada da ría de Betanzos, o grupo non se foi sen unha visita guiada do Pazo.

Un día perfecto!

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.