Deseño participativo en María del Mar

Bos días, boas tardes e boas noites!

Esta vez imos facer unha excepción e non vos contaremos unha semana completa, senón a actividade que vos viñamos adiantando que ía a ser unha das principais: o deseño participativo para o espazo de ocio da escola de María del Mar cos principais protagonistas: os nenos e nenas desta comunidade. O obxectivo do proceso é involucrar o alumnado no proxecto da súa nova escola, conseguindo así que coñezan o espazo de xogo e aprendan a melloralo e coidalo, xa que é deles.

proceso participativo

 

Despois de mes e medio preparando pouco a pouco as fases, dinámicas, xogos… levámolo finalmente a cabo en catro xornadas:

1º DÍA

Comezamos coa fase de COÑECERNOS. A intención é establecer unha relación con eles e elas, e paralelamente observar as súas capacidades, as diferencias entre as idades ou o xénero, as relacións existentes…

Para isto comezamos presentándonos sentados nun círculo, onde cada un se presentaba co seu nome e o dun animal que comezase pola mesma letra. Despois entregámoslles unhas pegatinas para que os escribisen, e animamos aos maiores a axudar a os pequenos. Así puidemos ver que eran solidarios, que os mais grandes eran extravertidos e participativos, e que os de menor idade, con un pouco de axuda, tiñan moita imaxinación e ganas de participar no grupo.

Despois propuxémoslles que elixisen un xogo entre todos e nolo explicasen, para ver a capacidade de organizarse, de tomar decisións e de expresarse. Tras xogar un cachiño coas súas regras, engadimos nós outra variable observando as capacidades de comprensión e adaptación. Todo isto foi moi divertido tanto para as nenas e nenos como para nosoutras que nos involucramos totalmente nos xogos como dúas cativas. Con esta primeira experiencia  levamos a impresión de que son un grupo co que poderíamos chegar a facer cousas moi interesantes nas próximas sesións.

1º día

Primeiro día do proceso

2º DIA

A seguinte fase foi a INVESTIGACIÓN e exploración do lugar. Para facer un deseño e apropiarse dun lugar é necesario coñecer primeiro o que temos, analizar as virtudes e problemáticas da zona de ocio e facernos conscientes de cal é o espazo en que podemos traballar.

Tendo en conta as idades decidimos facer isto mediante un xogo de pistas. En tres equipos, os nenos e nenas foron buscando as tarxetas que deixamos agochadas e descubrindo o lugar: o equipo azul encontrou todo o relacionado coa auga (a fonte e a zona inundable) o equipo vermello os perigos da parcela (as rúas e a construción abandoada) e o equipo amarelo observou onde estarán as novas edificacións do proxecto educativo (a escola e a letrina). Coa posta en común sobre a maqueta todos xuntos chegamos á conclusión de cal é ese espazo de ocio no que poden xogar libremente, que lles pertence.

investigar

Fase de investigación

A terceira fase, levada a cabo na mesma xornada, foi O SOÑO. Creando equipos por idade e sexo, repartimos todo o material necesario para expresarse, e propuxémoslles que nos explicaran que cousas lles gusta facer no tempo libre, e que lles gustaría ter no seu patio. Ademais levamos unas imaxes das posibilidades que se nos ocorreran a nós (trepar, agacharse, saltar…) para que cada alumno-a elixise a que mais lle gustaría ter. Con todos os debuxos, figuras con plastilina, e o que nos foron contando, fixémonos unha idea do lles gustaría ter e a que lles gusta xogar. Neste momento algunhas persoas da comunidade presentes ofrecéronse a achegarnos ramas de árbores como material. Así, coa súa participación e aportación, a comunidade tamén se implicou na mellora deste espazo de xogo dos seus nenos e nenas.

sueño

Fase de soños

3º DIA

As dúas próximas xornadas foron de DESEÑO e CONSTRUCIÓN: Dentro das posibilidades que tiñamos, xa con toda a información recadada (as habilidades do grupo, as condicionantes de facer algo que se poida mover para que non se estrope durante as obras da escola, as posibilidades de materiais e presuposto que tiñamos, o tempo…), tomamos a decisión de facer tres intervencións: un xogo con neumáticos vellos que tiñamos, e dúas cabanas. Así todas poderían participar na acción. ASF e ASIAPRODI aportarían os neumáticos, a madeira para as estructuras das cabanas, pintura, cordas etc, e nós fariamos a primeira aproximación a un deseño aberto ás modificacións das nenas e nenos.

whatsapp-image-2016-10-25-at-23-05-38-jpeg

Fase de deseño e aportes materiais

Así que mans á mini-obra (e mini-mans á obra)! Dividimos o traballo por idades, os mais pequeniños pintarían os paos de madeira, e os maiores por un lado pintarían os neumáticos de cores e por outro construirían a estrutura coa nosa axuda, e a dun integrante da nosa contraparte ASIAPRODI, Misael, que ten boa man para os pequenos xa que é mestre noutra das comunidades.

Foi un día moi animado, onde só en dúas horas xa tiñamos unha das estruturas montada, a metade dos neumáticos pintados e a maioría dos paos decorados. Todas e todos foron participando en todas as actividades paralelas, disfrutando do traballo en grupo, das construcións, e sobre todo da pintura!

E isto é o máis importante, non o ter un bo “obxecto” final, senón que os nenos e nenas traballen xuntas para conseguir o que necesitan, e principalmente disfrutar e pasalo ben cos demais.

2º dia construccion

Primera fase de construción

4º DIA

Na última xornada terminaríanse as tres novas figuras de xogo, engadindo os paos pintados e uns patróns de cordeis como peche das cabanas, quedando así todo moi colorido. O ambiente que se xerou foi moi bo xa que todos foron tendo cada vez máis confianza connosco, e máis ganas de traballar, participar e seguir xogando!

Dia 4

Segunda fase de construcion

A ultima fase do proceso foi a CELEBRACIÓN. Para isto liamos a Damián e Cruz de ASIAPRODI, para conseguir unhas árbores, xa que para construír a nova escola foi necesario tirar algunha das existentes no lugar, e desta forma simbólica non se perde ningunha árbore, ademais de proporcionar máis sombra no futuro, imprescindible para xogar.

A representante da comunidade explicou que esa árbore sería un recordo deste proceso, así como do comezo da obra, e que medraría xunto con eles e elas. Entre as persoas da comunidade que estaban a participar, elixiron o lugar e os nenos e nenas plantaron os tres pequenos cedros.

Dia 4 celebracion

Fase de celebración

Por suposto tamén foi parte da celebración a inauguración dos novos xoguetes, pero para isto non fixo falta máis que deixar os pequenos ao seu aire.

Despois dunha longa despedida entre abrazos do equipo de menores e agradecementos da comunidade, marchamos moi contentas por esta experiencia, por poder coñecer en primeira persoa aos protagonistas deste proxecto de ASF e por poder aprender, construír e xogar na súa compañía.

Despedida

Ata a próxima!

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.