Distrito Activo

Reflexións sobre o Barrio de Montealto

Distrito Activo

DISTRITO ACTIVO é o concurso de ideas convocado co obxectivo de reflexionar sobre os procesos de cambio que se producen continuamente na cidade, para poder interpretalos e decidir sobre a súa conveniencia.

A idea tras a iniciativa foi recuperar a participación cidadá nos procesos de construción e xestión da cidade. Neste caso o concurso centrouse no barrio de Montealto e as propostas estaban orientadas a:

- Fomentar a interacción entre distintos grupos cidadáns, o sentimento de comunidade, a solidariedade e a xenerosidade urbana

- Achegar solucións ás desigualdades que se producen na cidade

- Mellorar o espazo público como marco das relacións sociais

- Fomentar a iniciativa cidadá na configuración da cidade

Realizáronse unha serie de charlas, a cargo de expertos como Juan Freire, Carmen Lamela, Santiago Cirujeda, dous compañeiros de ASF Cataluña... entre outros, e visitas guiadas para profundar na temática exposta. Creouse tamén o blog http://distritoactivo.wordpress.com onde se publicou unha selección de textos de interese, bibliografía e información sobre o barrio.

Xoves 10 de abril

A realizadora Olaia Sendón proxectou o seu curto documental "A casa de Lola de Andrés", un traballo sobre a especulación en A Costa da Morte. Tras a proxección do curto a quenda de preguntas estendeuse durante máis de hora e media, derivando nun participativo debate acerca dos procesos especulativos.

Venres 11 de abril

A socióloga urbana Carmen Lamela disertou sobre o papel do emigrante na cidade, o punto de vista do que chega a un lugar e o punto de vista do que o recibe. A continuación o deseñador gráfico e comunicador Antón Lezcano, falounos de comunicación urbana e solucións creativas.

Sábado 12 de abril

O arquitecto Enrique Rodríguez preparou unha visita polo barrio de Monte Alto (ámbito de desenvolvemento do concurso) apuntando problemas e déficits en materia de arquitectura, especulación e espazo público.

Xoves 17 de abril de abril

Tivo lugar a intervención de Hugo Acuña e Emanuel Bove, responsables do grupo de Cooperación Local da demarcación de Arquitectos Sen Fronteiras de Cataluña. Na súa intervención faláronnos das liñas de traballo que teñen abertas, así como de proxectos concretos que desenvolveron. A continuación, os colectivos Ergosfera e A cultura preokupa, representados por Iago Carro e Xiao Varela explicaron as bases ideolóxicas, a orixe e o desenvolvemento do proxecto do centro cultural okupado no que están a participar. A xornada terminou coa intervención do arquitecto Santiago Cirujeda quen, articulando a súa intervención dende o seu propio traballo, falou do papel social que debe ter a arquitectura.

Venres 18 de abril

Foi a quenda de Juan Freire e Ignacio Pérez-Jofre. Juan Freire, biólogo e estudioso da cidade, expuxo o seu punto de vista sen convencionalismos acerca dos espazos públicos, a cidade e a relación entre tecnoloxía e cidade. Ignacio Pérez-Jofre, profesor de Belas Artes e artista, falounos da visión persoal da cidade, tema recorrente no seu traballo.

Sábado 19 de abril

Realizouse unha deriva por Monte Alto, liderada polo arquitecto Juan Creus, na que se ían sinalando situacións e problemas que a golpe de megáfono facíanse chegar aos veciños deste barrio.

O concurso desenvolveuse en escenarios diferentes, todos eles no barrio de Monte Alto. A presentación e entrega de premios realizouse na casa okupa de Atocha Alta.