Elaborando unha proposta para a escola de arquitectura

Boas!

Como xa sabedes, a nosa estancia en Guatemala é debido ás bolsas de Proxectos de Coñecemento da Realidade que a Universidade de A Coruña, a través da súa Oficina de Cooperación e Voluntariado, concede ao alumnado universitario interesado en achegarse por primeira vez ao traballo en terreo nun contexto de cooperación internacional. Ademais no caso da nosa formación en arquitectura, esta convértese nunha das canles habituais de saída profesional, vinculadas a temas de cooperación ao desenvolvemento en clave de acceso ao hábitat mínimo e en situacións de emerxencia.

 

 

 

 

 

 

Ámbito xeográfico_ Guatemala en Centroamérica e Rexión sur do país

Tendo en conta esta situación e a desconexión académica que en certos casos existe con respecto a esta temática, queremos recuperar unha iniciativa xa levada a cabo con anterioridade por voluntarias de ASF Galicia. Desexamos que as nosas compañeiras e compañeiros podan realizar o seu Proxecto Fin de Grado (PFG, do plan de Bolonia 1) ou ben o seu Traballo Fin de Máster (TFM no plan Bolonia 2) cun tema vinculado coa realidade guatemalteca da cooperación galega, contando coa experiencia de dez anos de traballo en terreo de Arquitectura Sen Fronteiras.

O tema que se baralla é o da elaboración dun centro educativo na rexión, cun programa e necesidades sempre en clave de cooperación. Preténdese que o estudantado comprenda o enfoque e prioridades dun proxecto de cooperación ao desenvolvemento e que sexa nestes criterios nos que se elabore a proposta. Ao igual que estes criterios serán tidos en conta na elaboración, tamén han de ser os tidos en conta na avaliación por parte do profesorado da escola, ao cal queremos involucrar e concienciar da necesidade de mudar as dinámicas establecidas no sistema educativo vixente. Queremos que a nosa escola de Arquitectura abra as oportunidades de desenvolvemento dun proxecto final, que comprendan as posibilidades múltiples que o mundo profesional lle ofrece á nosa disciplina. Actualizar os contidos pedagóxicos a un contexto global e inmerso nas preocupacións do novo século.

A rexión de Champerico e Retalhuleu

E en todo isto… cal é a nosa labor? Pois estamos a recopilar toda a información necesaria para que o estudantado poda realizar este traballo final, o cal inclúe a contextualización xeográfica, climática, sociocultural, histórica e política do país así como documentación específica para a elaboración dun proxecto de arquitectura: planimetrías base, documentación estrutural do país, manuais de deseño adaptados ao contexto de cooperación ao desenvolvemento, informes xeolóxicos sobre o terreo…).

Finalmente tentaremos presentar a proposta á escola de arquitectura, desexando que nos vindeiros cursos poda ser asumida por un dos talleres que imparten este Proxecto Fin de Grado ou Traballo Fin de Máster.

 

Rebeca e Elena.

Deixar unha resposta