Exposición ‘Historias de vida, territorio e vulnerabilidade’

Historias de vida, territorio e vulnerabilidade é o título da cartografía emocional do dereito ao hábitat na cidade da Coruña, desenvolvida por alumnado de terceiro curso do Grao en Educación Social, da Facultade de Ciencias da Educación (Universidade da Coruña) en colaboración con Arquitectura Sen Fronteiras e outras dezaseis entidades sociais, presentada o pasado 16 de maio nesa mesma faculdade.

O obxectivo que se pretendía acadar coa iniciativa dirixíase a contribuír a mudar o estigma social que acompaña ás persoas en situación de exclusión e vulnerabilidade, visibilizando aquelo que nos une: o espazo que habitamos e as emocións. Así, a partir de entrevistas a 71 persoas en situación de senfogarismo, prostitución e privación de liberdade (nas que se procurou a diversidade de sexo, idade, etnia e procedencia), construíronse 238 relatos de presente, pasado e futuro, que narran as súas vivencias e vinculacións emocionais co territorio, a forma en que perciben, senten e problematizan a cidade. O resultado é un gran mapa colaborativo e subxectivo dos afectos.

A exposición pública ideouse como unha sala cartográfica, espazo de encontro no que ademais de presentar os relatos, buscábase que as persoas participantes (un total de 160, entre alumnado e profesorado da Facultade, entidades sociais, persoas en situación de vulnerabilidade e cidadanía en xeral) conectaran emocionalmente desde a proximidade das narrativas, intercambiaran vivencias e enriqueceran o mapa con novas voces, historias e realidades.

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.