Haití, un país devastado polos desastres naturais

Haiti tras o huracán Matthew

Lamentablemente Haití volveu ser noticia nas últimas semanas polo impacto do furacán Matthew, o de maior potencia no Atlántico ata a data.

Este desastre (e anteriores) é resultado non só da localización da illa (zona propensa a terremotos e furacáns, coa súa periodicidade e capacidade destrutiva en aumento debido ao cambio climático) senón tamén debido ao alto nivel de vulnerabilidade do país (altos índices de pobreza, degradación ambiental, infraestruturas non resistentes, goberno débil….) Tamén, a capacidade de facer fronte a este tipo de continxencias por parte das institucións haitianas é limitada.

Os expertos calculan que o investimento en actividades de redución do risco de desastres, equivale a sete veces os cartos gastados en responder a emerxencias. Por iso, reducir as vulnerabilidades e aumentar as capacidades do país está na axenda da maioría de doantes e axencias de cooperación internacional, incluídas as ONG.

As últimas cifras ofrecidas por Nacións Unidas (informe do 2 de novembro de 2016), indican que máis de 1.400.000 persoas víronse afectadas, das cales 806.000 persoas necesitan asistencia alimentaria urxente. Os datos oficiais falan de 80.000 casas destruídas, e 140.000 persoas seguen refuxiadas en albergues colectivos. Unhas 774 escolas quedáron fóra de servizo, deixando a 116.000 nenos e nenas sen colexio. Xa se detectaron máis de 3.700 casos potenciais de cólera nas áreas por onde pasou o furacán.

A magnitude dos danos é comparable ao terremoto que afectou a illa no 2010, o cal afectou a 1.500.000 persoas. Con todo, esta vez a resposta dos doantes, tanto públicos como privados, está a ser moi limitada. Tras o terremoto, conseguíronse recadar miles de millóns de dólares; en cambio, ata a data Nacións Unidas só conseguiu recadar 39,3 millóns, o 32,8% do solicitado para cubrir as necesidades básicas durante os primeiros tres meses.

Arquitectura Sin Fronteras traballa no país dende 1995. Tras o terremoto deseñamos e construímos tres escolas públicas de primaria, unha maternidade, un sistema municipal de xestión de residuos e unha nave para actividades produtivas; dando ademais apoio técnico a proxectos doutras entidades, como o caso dun orfanato. Todas estas infraestruturas deseñáronse para ser resistentes a terremotos, furacáns e inundacións.

Na actualidade estamos a traballar nun proxecto para reconstruír e ampliar tres escolas de primaria rurais, e é a nosa intención seguir buscando fondos para reconstruír escolas, centros de saúde e outras infraestruturas básicas; ademais estamos a contactar con outras organizacións para ofrecer os nosos coñecementos técnicos e experiencia no país.

A túa participación importa, tanto a cota de socio como as achegas puntuais melloran a nosa capacidade para atender novos proxectos e chegar máis lonxe. O tempo que poidas dedicar como voluntario tamén é moi valioso. Todos e todas xuntas estamos a contribuír a mellorar a calidade de vida do pobo haitiano, ofrecendo acceso a servizos básicos á vez que fortalecendo a resiliencia das súas comunidades, a través da Arquitectura.

Queremos darche as grazas e esperamos poder seguir contando co teu apoio.

Atentamente,

Carlos Pérez Achiaga
Coordinador do Grupo de Traballo Haití
Arquitectura Sin Fronteras (ASFE)

Este comunicado foi publicado orixinalmente no boletín electrónico de Novembro’16

Deixar unha resposta