Hoxe queríamos amosarvos o vídeo que preparamos conxuntamente co alumnado de 1º da ESO do IES Ramón Menéndez Pidal da Coruña para a entrega de Ludantia, bienal de Arquitectura e Educación para a infancia e mocidade, que terá lugar o próximo mes de maio.
Como xa vos contamos, durante o último trimestre de ano o grupo de Educación para o Desenvolvemento estivo traballando no instituto de Zalaeta acompañando aos rapaces e rapazas na súa nova andaina neste centro escolar.
Xunto coa orientadora do centro, o equipo de dirección, titoras e profesoras implicadas buscamos levar a cabo un proceso participativo co alumnado consistente en investigar, reflexionar e xerar unha acción que dera resposta as súas necesidades: acollida, intimidade, refuxio e espazos de relación e socialización. No proceso empregáronse diferentes técnicas como roteiros emocionais, derivas, soños en planos e maquetas, e intervención conxunta no espazo.
Esta metodoloxía fixo que o alumnado se coñecese mellor e que rompera barreiras entre diferentes aulas, axudoulles a ter un carácter máis comprometido e responsable e tiveron a oportunidade de apropiarse dun espazo do centro cunha carga emocional e simbólica que aprecian e queren coidar: o refuxio.
O vídeo, pensado e gravado polo alumnado, recolle a síntese do que foi este proceso. Está subido na canle de Ludantia con outras moitas iniciativas interesantes que se están desenvolvendo neste eido e que temos moitas ganas de coñecer en profundidade durante a bienal. Noraboa a todos os compañeiros e compañeiras.
Pola nosa parte seguimos traballando no IES. A semana que ven voltamos con moita ilusión ás aulas de 1º de ESO para continuar este camiño de mellorar entre todos e todas o espazo que nos rodea. Xa saberedes de nós!
Deixar unha resposta