Moitas novas!

Bos días dende Guatemala!

Xa levamos un par de semanas sen escribir polo que temos moitas cousas que comentar.

Como xa vos contaramos na entrada anterior, estivemos uns días en Quetzaltenango, fuxindo da calor para traballar nos planos da escola nova para a comunidade Victorias III, en Champerico. Na semana seguinte voltamos á costa, á oficina en Retalhuleu (cos nosos amigos os ventiladores), e asistimos a varias reunións de coordinación coas contrapartes coas que traballa ASF en terreo.

O primeiro que fixemos ao chegar a Reu foi preparar unha viaxe a El Manchón para gravar, xunto aos docentes e o alumnado, unhas escenas da escola de El Manchón xa acabada de construir.

 

Actividade en El Manchón

 

Esta gravación realízase en colaboración con AGARESO, unha asociación galega de xornalistas especializados en comunicación social, que o ano pasado comezaron a realizar un documental para a difusión sobre os proxectos de educación.

Ademáis, poidemos ver como construían unha cuberta de palma, construcción tradicional na zona. Fixemos noite na comunidade cos nosos compañeiros de ASIAPRODI, ceamos xuntos (bailamos un pouco) e voltamos ó día seguinte a Reu.

 

Construción de cuberta de palma

 

A primeira reunión de coordinación desa semana foi con PRODESSA (Proyecto de Desarrollo Santiago), a contraparte dos proxectos de educación. Esta realiza formacións a docentes, elaborando estratexias e transmitíndollas para aumentar o acceso a unha educación de calidade, así como a dotación de libros e materiais para o alumnado, centrándose na alfabetización e na lectoescritura. Ó día seguinte, reunimonos coa FODHAP (que como xa vos comentamos é a Federación de Asociaciones y Organizaciones para el Desarrollo del Hábitat Popular) para coordinar as nosas accións con eles e con ASIAPRODI.

 

Foto de ASF e PRODESSA

 

Tivemos varias reunións estas semanas, pero a máis grande foi a Comisión de Transparencia semestral con todas as asociacións e autoridades que forman parte dos proxectos nos que participa ASF nesta zona, Asiaprodi, PRODESSA, Fodhap, autoridades do Ministerio de Educación e da Municipalidade de Champerico, así coma algúns membros dos COCODE (Consellos Comunitarios de Desenvolvemento), representantes das comunidades indíxenas e non indíxenas da zona.

Nesta reunión tivemos a oportunidade de ver a todos os axentes implicados na posta en marcha dos proxectos nos que estamos a traballar e na importancia de todos eles. Tamén nos decatámos do gran traballo que fan as comunidades do Municipio de Champerico para coordinarse co fin de mellorar a calidade de vida de todos os seus habitantes.

 

Reunión de Comisión de Transparencia

 

Por outro lado, Sandra participou na gravación dun podcast online co noso compañeiro Juan, da sección de comunicación de Arquitectura Sen Fronteiras Galicia, sobre o seu Proxecto de Fin de Grao “Escola primaria na Comunidade de El Manchón”. Neste, fala de como é chegar ao sitio do proxecto e descubrir a realidade do lugar. Ademáis, coñecer a diferencia entre realizar un proxecto académico e como funciona de verdade un proxecto de cooperación ao desenvolvemento.

Esta fin de semana viaxamos todo o equipo xunto (Adri, Marta, Rebeca, Dani e Sandra) a Antigua Guatemala, xa que o noso compañeiro Adrián volta cara España este mes de outubro, e así facer unha boa despedida. Desta maneira, o domingo atopámonos subindo a un volcán activo, o Pacaya, dende onde se poden observar uns dos volcáns máis impresionantes de Guatemala, o Volcán de Lume, o Volcán de Auga e o Acatenango. Aínda que os volcáns non teñen rutas sinxelas, chegamos ao cume. Máis ben, todo o preto que puidemos, xa que estaba expulsando lava (sí, lava!) e quentamos nubes de azucre cuns paíños.

 

Sandra e Dani subindo ao volcán Pacaya

 

Despedímonos do noso compañeiro Adrián cunha boa cea (e unhas cervexas) e acompañámolo ao aeroporto. Agora xa estamos de volta en Reu, ultimando os detalles da construcción da Escola de Victorias III, que comezará a súa construcción nos próximos días.

 

Equipo ASF no volcán Pacaya

 

O mes que nos queda por diante preséntase emocionante. Agora voltamos a traballar, iremosvos informando dos avances nos proxectos próximamente, estade atentos!

Un saúdo dende América!

« Previous Post

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Últimos Chíos