Moito que contar!

Bos días a todas e a todos!

Coma sempre, tivemos unhas semanas ben cargadiñas de traballo e non tivemos tempo para escribirvos un pouco máis sobre a nosa experiencia. Pero aquí estamos outra vez, con máis novas.

Hai vinte días tivemos unha semana “todoterreo”, con traballo de oficina en Reu, estancia en El Manchón e traballo ben intenso alí no proceso participativo coas nenas e nenos da escola. Coincidiunos a última semana de grabación do documental, na que o equipo de Agareso se trasladou á comunidade para achegarse ao día a día dos protagonistas, coa entrega da formulación para o Concello de Santiago, ao que desde o equipo de ASF presentouse un proxecto para completar o de hábitat que está por comezar.

Por outra banda, tocaba a parte máis activa e, consecuentemente para nós, a máis esgotadora do proceso participativo co alumnado da futura escola: a acción. Como xa vos contaramos, os cativos realizaran un gran traballo, imaxinando o que querían para o seu patio de xogo e compartindo o seus soños connosco, materializándoos naquelas estupendas maquetas. Daquelas decisións veu o compromiso de traer, ao seguinte día do proceso, todo o material preciso para construír esas ideas coas súas propias mans. Este momento do proceso ensinounos a ambas partes, a nós coma facilitadoras e ao alumnado coma responsable da acción, a ser consecuentes cos compromisos asumidos e á necesidade dunha boa organización. Porén de faltar parte do material necesario o día que quedaramos para comezar a construír, soubemos reencamiñar a acción e dar paso á actividade propoñendo novas ideas para decorar o predio e aproveitando os recursos próximos para materializar case todo aquilo do que falaramos na xornada anterior.

     

Comezamos, entón, pintanto de cores a cerca que delimita a parcela, colocando xardineiras feitas e adornadas polas nenas e nenos e colocando nelas tódas as plantas que trouxeran das súas casas. Tamén comezaron a pintar as baldosas que, con cadanseu nome e deseño personalizado, formarán parte dun mosaico que decorará a escola en construción. E non era sen tempo que non vos puideramos contar isto, pois tras moitas complicacións, por fin comezou a obra! Xustamente coincidiu neste primeiro día da acción do proceso participativo, co cal as rapazas e rapaces de El Manchón viviron un día do máis emocionante.

    

Entrementres, os compañeiros de Agareso traballaban ao noso carón as 24 horas, puidendo inmortalizar imaxes moi bonitas do alumnado admirando o comezo da obra e traballando con entusiasmo polo seu patio de xogo. Ao segundo día continuamos traballando e comezou a construción da “resbaladera”, nome co que se coñece aquí ao noso chamado tobogán. Pensouse en facela de formigón para garantir a súa durabilidade e, porén de ser un traballo que precisa de certa especialización, os nenos e, hai que dicilo, sobre todo as nenas, estiveron axudando á hora de sacar a terra e facer a mezcla, carregando caldeiros de auga e pedra, cunha enerxía sorprendente baixo o sol e a calor que nosoutras ben sufriamos.

    

    

Ao final de cada xornada gardamos sempre un tempo para a reflexión e para pasalo ben uns e outras e mesmo organizamos un partido de frisbee. Tanto os cativos coma nós estamos moi comprometidas coa nosa compañeira Lara na preparación do campionato de Europa que xogará a vindeira fin de semana e tíñamos que entrenar con ela!

Durante estes días tivemos a sorte de poder durmir en El Manchón, nunhas cabanas ao carón da praia. Esta estancia na comunidade foi froito, basicamente, da necesidade de realizar unha cerimonia maia para darlle forza á execución do proxecto, que tantos contratempos tivera. Esta foi, cicais, unha das mellores experiencias PCR que puidemos vivir. Coñecer os ritos da cultura maia da man da nosa contraparte indíxena mam, o equipo ASIAPRODI, que tiveran ademais o detalle de explicarnos cada parte da cerimonia e o seu significado e transmitirnos a enerxía das súas crenzas. Este foi, se cadra, o mellor dos agasallos que nos levaremos desta viaxe. Temos que dicir tamén, por que non, que realmente parece que tivo efecto, pois agora o proxecto vai vento en popa!

Como descanso do traballo da semana e para nos despedir de AGARESO fomos de viaxe ao Lago Atitlán; na nosa opinión, un dos lugares máis bonitos de Guatemala. Trátase dun gran lago entre volcáns, arredor do cal crecen gran cantidade de poboacións, cada unha ben distinta da outra. Puidemos visitar Panajachel, caracterizado por un turismo abraiante, San Marcos, cunha vida relaxada e moitos espazos para practicar ioga ou San Pedro, cun turismo máis orientado cara aos “mochileiros”. Pese aos días nubrados durante toda a nosa estancia, o Lago ten unha gran beleza e, desde logo, foi un momento chave para desconectar e gañar forzas para a semana que tiñamos por diante.

Á nosa volta estivemos a traballar desde Xela, que como xa vos contaramos é un lugar moito máis fresco ca nosa oficina habitual en Reu. Alí continuamos coa cotización de materiais que farán falta máis adiante nos proxectos e continuamos cos traballos sobre vivenda e escola saudable, avanzando xa nas unidades didácticas que servirán para que un equipo facilitador imparta uns talleres sobre estas materias nos proxectos deste ano, nas comunidades de Champerico. Por último, botamos unha man para apoiar á nosa compañeira Lara na preparación da charla que deu onte na Escola de Arquitectura durante a súa corta estancia na Coruña. Esta ponencia formou parte da materia que se lle imparte ao alumnado de Proxecto Final de Grao que desenvolve o tema dunha escola en El Manchón. Dado que este é, precisamente, o proxecto de educación deste ano aquí en terreo, agardamos ter podido transmitirlles aos nosos compañeiros e compañeiras da escola toda a información sobre tecnoloxías apropiadas e do sitio que puideran precisar.

Tras esta semana de traballo en oficina, o día 30 decidimos subir un volcán, cousa que se está a converter nunha tradición para os PCR de ASF. Este ano eliximos subir nada máis e nada menos que até os 4222 m que coroan o volcán Tajumulco, o máis alto de Guatemala. Contabamos con que os nosos entrenamentos en Xela axudaríannos a habituarnos á altura, mais, aínda así, podemos asergurarvos que tampouco nos resultou doado. Nesta aventura acompañáronnos, ademais, os nosos compañeiros de ASF Levante, Borja e Miguel, cos que recentemente comezamos a coordinar o traballo aquí en Guatemala. Agardamos sinceiramente que esta aventura continúe e, de agora en diante, o traballo en conxunto dea os seus froitos.

    

A pasada semana voltamos a Reu. O mércores fomos convidadas, o equipo de ASF en terreo xunto co equipo ASIAPRODI, á festa de fin de curso da escola de educación inclusiva de Champerio. Esa mañá desfrutamos da compañía das nenas e nenos que asisten a esta escola, dos seus xogos e a súa ilusión, que compartida tamén co equipo docente e coas familias, axudarán, de seguro, a que saia adiante o proxecto presentado en convenio coa asociación PROYDE á Comunitat Valenciana. Este proxecto, en fase de aprobación provisional, serviría para aplicar un programa de educación inclusiva de calidade, incluíndo a construción dunhas instalacións apropiadas para esta escola.

O venres voltamos a El Manchón Alí tivemos o momento da celebración de toda a experiencia do proceso participativo. Comezamos cun par de actividades para terminar a resbaladera e a decoración da cerca do predio e, xa pola tarde, recordamos todo o que fixemos ao longo dos días que durou o proceso e reflexionamos sobre todo o vivido entre todos e todas. Pola nosa banda, quedamos moi satisfeitas polo que as nenas e nenos nos transmitiron. Fixéronnos ver que son conscientes do que significou o proceso que se levou a cabo e que o traballo en grupo é moito moi importante, pois é a suma de todas as capacidades e aportacións individuais. Compartiron co grupo a súa ledicia por ter traballado con nós estas semanas e iso é o que máis felices nos fai. Puidemos notar o cambio que deron, cunha actitude moito máis participativa e aberta cao principio, froito da confianza que agora xa teñen con nós e do empoderamento que o proceso produciu en moitos e moitas delas. E xa por último, puxéronse dacordo unha vez máis para xogarmos un último partido de frisbee e outro de fútbol.

    

Temos que recoñecer que foi triste para nós despedirnos destes nenos e nenas, mais é maior a satisfacción que nos levamos, sendo conscientes de que, a pesar das moitas trabas atopadas no camiño, o proceso participativo cumpriu cos máis dos obxectivos que agardabamos acadar.

Hoxe xa, acabando co traballo pendente, desfrutamos dos derradeiros días desta estancia en Guatemala e descansamos da viaxe express que fixemos nos días pasados a Chiapas, no país veciño de México. Mais todo isto ímovolo contar na seguinte entrada, que será xa a última desta curta e intensa experiencia. Non vola perdades!

Deixar unha resposta

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.