Monserrat Galcerán e Manuel Delgado na 1ª Sesión do IV Seminario Hábitat a Escala Humana

TOMA PARTE!
Reflexións e propostas sobre a participación no contexto post 15M

Monserrat Galcerán e Manuel Delgado - IV Seminario Hábitat a Escala Humana

O vindeiro venres 13 de maio o Espazo Cubo da Normal acollerá a partir das 18:30h a primeira sesión do IV Seminario Hábitat a Escala Humana.

Monserrat Galcerán e Manuel Delgado abrirán esta cuarta edición centrándose nos novos marcos e actores que atopamos tras os acontecementos do 15M. A participación social, algo limitado a espazos clásicos como partidos, sindicatos e asociacionismo diverso, desbordou estas estruturas e interconecta diferentes loitas e espazos xeográficos, producindo ademais novos suxeitos políticos que transcenden as identidades clásicas.

MANUEL DELGADO

“O activismo desactivado. Sobre o abandono da rúa como espazo de e para a participación”

Para Manuel Delgado cabe preguntarse se o 15M non foi o inicio dun proceso de desactivación dos movementos sociais en nome do asalto ás institucións. Cal é o papel da ideoloxía ciudadanista no crecente abandono da rúa como escenario para o conflito?

Manuel é profesor de antropoloxía urbana na Universitat de Barcelona. Autor, entre outros, de El animal público (1999, premio Anagrama de Ensaio), Sociedades movedizas (2005) e El espacio público como ideología (2014). Exmembro do Comité Central de Comunistes de Catalunya (EUiA) e candidato da CUP nas últimas eleccións autonómicas.
MONSERRAT GALCERÁN

“Participación versus representación. A complexidade da participación política nas sociedades actuais”

Monserrat Galcerán abordará no seu relatorio a diferenza entre a aparente simplicidade da “representación política” e a complexidade da participación. Non tratando de contrapoñelas senón de acentuar que a participación implica “maior” democracia, pero que en sociedades plurais e heteroxéneas como as actuais, esa complexidade esixe metodoloxías específicas que eviten certa sensación de caos que pode retraer da propia participación.

Montserrat, nada en Barcelona en 1946, é catedrática emérita de Filosofía na Universidad Complutense de Madrid e actualmente concelleira do Concello de Madrid na candidatura de Ahora Madrid, encabezada por Manuela Carmena. Nos seus libros tenta conciliar unha mirada política cun estudo pormenorizado da realidade obxecto do traballo, a partir do suposto de que o traballo intelectual nunca é “desinteresado”, sempre parte do interese por entender acontecementos que a primeira vista resultan sorprendentes ou estraños. Entre os seus traballos cóntanse La invención del marxismo (Madrid, Lepala, 1997), Silencio y olvido. El pensar de Heidegger durante los años 30 (Hondarribia, Hiru, 2004), ou o libro de próxima aparición titulado La bárbara Europa (Madrid, Traficantes de soños, 2016).

  • Venres 13 de maio, 18:30 a 21h
  • Espazo Cubo da Normal Paseo de Ronda 47, A Coruña
  • Entrada libre

Streaming:

Manuel Delgado

Monserrat Galcerán

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.