Nota de Arquitectura Sen Fronteiras sobre a visita realizada o pasado 30 de xuño 2015 aos asentamentos precarios de A Coruña acompañando á corporación municipal do Concello de A Coruña

Nova do 30-06-2015 no xornal 'La Opinión A Coruña': El Concello trata de solucionar las urgencias más inmediatas de los asentamientos precarios

Nova sobre a visita publicada en La Opinión A Coruña o 30 de xuño de 2015

Satisfainos o convite por parte da corporación municipal á nosa entidade, Arquitectura Sen Fronteiras, para acompañalos na súa primeira visita aos asentamentos precarios da cidade. Esta proposta transmite un recoñecemento ao traballo realizado polo Grupo de Cooperación Local de ASF nestes últimos 6 anos coa poboación dos asentamentos de As Rañas e A Pasaxe, valorándonos como ONG de referencia no ámbito do dereito á vivenda e á cidade.

Dende ASF queremos remarcar a oportunidade da que dispón esta corporación municipal para traballar dende a institución pública no ámbito do dereito á vivenda.

Para iso, ao noso entender, o Concello deberá abandonar a política de xestión de axudas, seguida ao longo destes últimos anos, que mantivo e fixo crónica a situación de exclusión social que padecen algúns habitantes da cidade, e implementar os cambios necesarios na súa estrutura organizativa para iniciar unha política pública de xestión social do hábitat dende onde promover medidas creativas, innovadoras e realistas que formulen alternativas habitacionais sostibles para garantir o dereito á vivenda e o dereito á cidade de todos os veciños e veciñas de A Coruña.

A visita aos asentamentos delata o fracaso das ríxidas estruturas de erradicación do chabolismo ata agora existentes, con medidas impostas de arriba-abaixo, alleas á realidade cotiá da poboación vulnerable, e mostra a imperiosa necesidade de acometer este reto do dereito ao hábitat, con valentía, dende a institución municipal que nos representa, o Concello de A Coruña, traballando de abaixo-arriba coa poboación, dos datos de campo ás propostas de oficina, das necesidades reais da poboación ás alternativas habitacionales sostibles.

Dende ASF consideramos que chegou o momento, que a poboación xa está preparada para traballar conxuntamente cos políticos e cos técnicos, pero é preciso que o organigrama da institución municipal incorpore un equipo de persoas profesionais expertas, tanto no ámbito social coma no habitacional, con capacidade para buscar recursos que abran novas vías de financiamento, formular propostas novidosas e axustadas á realidade e executar alternativas habitacionais que fomenten a inserción socio-laboral. En definitiva, un equipo de persoas profesionais comprometidas socialmente coa poboación, con capacidade para traballar conxuntamente e envorcar todas as súas ferramentas profesionais en prol de garantir o dereito ao hábitat da poboación máis vulnerable, alcanzando así un importante valor engadido para toda a cidadanía.

Dende ASF ofrecemos o noso apoio en defensa dos dereitos da poboación en situación de vulnerabilidade social.

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.