On the road

Bos días, boas tardes e boas noites!

Xa estamos de volta para contarvos un pouco máis da nosa experiencia PCR e das nosas rutas por Guatemala, por se as da semana pasada nos vos pareceron dabondo.

O sábado 10 volvemos facer as maletas e viñemos coñecer a segunda base de ASF en Quetzaltenango (ou na abreviatura da súa denominación indíxena, Xela) que se atopa situada a 2380 m sobre o nivel do mar rodeada dos volcáns Cuxliquel, Zunil, Santiaguito e Santa María entre outros. Trátase dunha cidade máis fría e con máis cousiñas para visitar. Así foi que o primeiro día aproveitamos para pasear e botar unha ollada polos parques e mercados.

Camiño a Xela e Plazuela de San Antonio

Camiño dende Retalhuleu a Xela e Plazuela de San Antonio

Non imos negar que como boas galegas esta temperatura é máis axeitada para o traballo de oficina, por iso, non tardamos en botar as mans aos nosos portátiles e organizar o que sería o traballo das próximas semanas.

As nosas tarefas están vinculadas aos proxectos en execución actuais de ASF-Galicia onde temos a oportunidade de implicarnos a fondo: dous proxectos de hábitat e dous de educación.

Dentro desta segunda liña se moverán a maior parte de propostas teóricas e prácticas:

· Teremos a oportunidade de realizar un proceso participativo coa poboación beneficiaria na escola que se vai a construír na comunidade de Mª del Mar

· Participaremos tamén nunha investigación e análise máis amplo sobre a situación do sistema educativo, e particularmente das infraestruturas nas comunidades de Champerico

· Redactaremos a documentación para un Traballo Fin de Máster na ETSAC

· E presentarémonos a un concurso con esta liña de traballo xunto co resto do grupo

Todo isto de forma paralela á realización de planos de proxecto básico e de execución, seguimento e apoio a todas as partes do ciclo dun proxecto de cooperación.

Traballo nos proxectos

Traballo de oficina e futuro alumnado da escola de María del Mar

O martes 13, a nosa compañeira Ana, que ven a traballar tres meses como técnica en terreo, chegaba ao aeroporto de Ciudad de Guatemala onde a recollerían Lara, Adrián e Bea. Os catro aproveitarían esta viaxe para reunirse ao día seguinte coa FODHAP, contraparte nos proxectos de hábitat de ASF.  

Nesta reunión, Bea acudía no rol de responsable de voluntariado para tratar as posibilidades de colaboracións con ASF en terreo, pero tamén tratáronse outros moitos temas: os proxectos no eido de hábitat que se están a executar este ano e a proxección de “El derecho a un techito” na Capital. Tan loooooonga foi a reunión, que as rúas comezaron a encherse de bandas de música, festa e atasco, xa que era a véspera do día da independencia, polo que houbo que durmir unha noite máis na capital.

Reunións e esperas nos atascos da capital

Reunión con FODHAP e espera nos atascos da capital

Namentres en Xela ruxían os tambores e as trompetas e non puidemos evitar deixar a oficina para saír a coñecer un pouco máis sobre a cultura e as festas guatemaltecas.

O 14 de setembro, día das antorchas, parte da xuventude sae con cadansúa banda formada na escola ou instituto a bailar e tocar polas rúas durante toda a xornada, mentres outros grupos de grandes e pequenos prenden as súas antorchas e parten cara a capital do país. A troula continúa ata ás 12 da noite, cando no Parque Central, celébrase o grito de Independencia con cánticos, berros e fogos de artificio.

Festas en Xela

Festas en Quetzaltenango

Aproveitando que todos durmían na madrugada do xoves, o carro partiu de Ciudad de Guatemala ás 5 da mañá e, así, o resto do equipo chegou xusto para unha reunión de traballo en liña que tiñamos cos compis en Galicia ás oito.

Xa todas xuntas puidemos organizar a fin de semana de descanso.

Visitamos, as tres PCR xunto con Ana, o Lago Atitlán, marabilloso lugar onde viaxamos en barca, camiñamos entre a natureza, compramos e ollamos artesanía local, e por suposto démonos algún que outro chapuzón. Todo isto co telón espectacular de volcáns de fondo, que puidemos observar entre treboadas nocturnas e amenceres dende o embarcadoiro de San Marcos.

Visita ao lago

Embarcadoiro de San Marcos e baño no cerro de Tzankujil

Alí pasamos a noite, pero tamén fixemos paradas nas poboacións de San Juan, onde coñecimos as cooperativas de mulleres tecedoras e as súas artesanías; San Pedro, onde percorremos as estreitas rúas cheas de “gringos”; e Panajachel, onde paseamos, comemos e disfrutamos dos diferentes ambientes e de toda a contorna natural.

Despois desta intensa viaxe, o domingo chegamos rendidas, así que toca coller forzas para a seguinte semana.
Ata a próxima!

Amencer no lago

Amencer no lago

Deixar unha resposta