Proxecto de mellora da xestión de voluntariado

Hoxe toca unha entrada algo diferente. A maioría das nosas publicacións contan o traballo que realizamos cara ao exterior, en Cooperación e Educación, pero é importante saber que isto non sería posible sen unha base sólida de persoas voluntarias. É por iso que na demarcación temos un grupo de traballo de Voluntariado e Formación que se encarga do coidado das persoas que a conformamos.

Con esta visión presentamos o Proxecto de mellora da xestión do voluntariado, das emocións e dos coidados a través do fortalecemento do grupo de traballo Voluntariado e Formación á convocatoria para entidades de acción voluntaria da Xunta de Galicia e foi aprobado.

O proxecto busca fortalecer as capacidades de ASF Galicia na xestión do voluntariado en todas as súas fases incidindo na xestión das emocións e nos coidados das persoas que conformamos a organización. Durante os meses de setembro e outubro estamos levándoo a cabo.

Por un lado, contémplanse actividades no ámbito formal: a redacción do plan de acción voluntaria ou a xestión dos certificados de acción voluntaria da Xunta de Galicia para poñer en valor, de forma oficial, o tempo dedicado e as habilidades, destrezas e coñecementos adquiridos durante as accións. As nosas responsables de Voluntariado e Formación tamén están recibindo formación específica sobre as súas áreas.

Por outro, estase facendo incidencia na mellora da xestión emocional organizando un obradoiro sobre xestión e resolución de conflitos. Para iso contamos con Mariola Mourelo que nos preparou un taller estupendo onde empezar a perderlle medo a este tema.

Ademais, interésanos o traballo en rede e organizamos un encontro con Enxeñería Sen Fronteiras para intercambiar experiencias sobre a xestión do voluntariado xa que as dúas organizacións temos unha estrutura e un modo de pensar similar. Pensamos que compartir erros e aprendizaxes apórtanos a todos e todas.

Finalmente, pero tamén importante, no proxecto teñen cabida actividades informais e divertidas, como a xuntanza trimestral de outono, na que intentamos desconectar do traballo diario e xuntarnos para pasar un rato agradable e coñecernos un pouquiño mais. Fixemos unha andaina pola fervenza do Belelle (Neda) e pasamos a tarde xogando e dando un paseo por Redes.

Pensamos que o proxecto está sendo moi positivo para todos e todas e que pon en valor a importancia das persoas na organización.

Deixar unha resposta