Semana intensa en Victorias III !

Boas dende Guatemala!

Coma xa espuxeramos no anterior post, dedicaremos este a falar do Proceso Participativo que nós (voluntariado) apoiados polos técnicos de ASF, comezamos na comunidade de Victorias III e que se levaba xestando nestas últimas semanas. Este proceso lévase a cabo case tódolos anos no marco do proyecto de educación N’oj de Arquitectura sen Fronteiras, ASIAPRODI e PRODESA.

Este proxecto baséase na Metodoloxía Oasis e consta de varias fases: Coñecerse – Explorar – Imaxinar – Deseñar – Construir – Celebrar. Axudados polo material e as propostas plantexadas polos compañeiros PCR de anos anteriores, concretamos a nosa metodoloxía e buscamos novos enfoques e actividades.

 

Daniel coa explicación do proceso participativo

Nenas e nenos cos voluntarios noproceso participativo

 

O principal obxectivo desta proposta é que as nenas e nenos se apropien do espazo da escola, que sintan recoñecida a súa labor na comunidade, así como desenvolver e poñer en valor a súas capacidades creativas e de traballo para que, eles mesmos, poidan plantexar e realizar actividades similares no futuro.

Así, o primeiro dos catro días que durarán as actividades, centrouse nas tres primeiras e máis importantes fases do proceso. Presentámonos e coñecímonos entre nós facendo xogos en conxunto, tamén nos ensinaron a súa escola e como se desenvolven nela por medio de ilustracións e debuxos realizados por elas mesmas. Máis tarde, divididos por grupos de idade e polas súas capacidades de actuación, imaxinamos e acordamos entre todos e todas o que construiremos nos próximos días. Desta maneira conclúe o primeiro ciclo de Coñecerse – Explorar – Imaxinar.

 

Nenas e nenos facendo unha roda para realizar un xogo

Xogando no proceso participativo

Nenos e nenas debuxando

Nenos e nenas nunha actividade do proceso participativo

Esta primeira xornada é particularmente complexa. É necesario crear un ambiente distendido para que as nenas e nenos collan a suficiente confianza para propor e realizar as súas ideas. Tamén, é importante recalcar que Victorias III é unha comunidade indíxena maya mam, sendo esta, ademáis do español, a lingua nai da maior parte da poboación. Por ende, temos que dar as grazas á axuda da nosa compañeira de ASIAPRODI, Antonia, que nos acompañou en todo o proceso e foi un gran apoio na tradución e explicación das actividades.

Ao día seguinte empezamos a segunda fase, na que deseñamos as propostas do día anterior e comezamos a executalas. Estas propostas baseáronse en utilizar materiais cos que a comunidade podería contar, tales coma neumáticos vellos, botellas de plástico, plantas e flores… etc. Os propios nenos tomaron a iniciativa e sorprendéronnos ao chegar con moito material para traballar. Pronto nos puxémos mans á obra e elaboramos gran parte do traballo da fase de Deseñar e Construir.

 

Antonia coas nenas e nenos pintando botellas

Pintando un block

Nenas e nenos pintando o banco de block

Neste punto queremos resaltar as ganas e a enerxía que poñen no seu traballo (ás veces demasiada), e agradecer aos docentes pola súa axuda para organizar e coordinar a tódolos nenos e nenas da comunidade.

Continuamos na seguinte xornada co traballo comezado na anterior e centrámonos en rematar todo o previsto. Estes dous días foron os máis esgotadores, aínda así, a ilusión que mostraron tanto nenos coma docentes é motivación máis que suficiente para dar todo da nosa parte. Este día foi especialmente fructífero e emocionante xa que aquelas actuacións que imaxinamos xuntos o primeiro día comezaron a facerse realidade.

Nenas e nenos pintando neumáticos                    Neumáticos pintados de cores e con flores

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

O cuarto e último día do proceso participativo coincidiu co inicio da obra e a colocación da “primeira pedra” da escola de Victorias III. Xunto cos membros da comunidade, o mestre de obra e os nosos compañeiros de ASIAPRODI, celebramos unha ceremonia maya guiada pola nosa compañeira Juventina. Tamén, xunto cos docentes e líderes comunitarios, plantamos dúas árbores no que vai ser o carón da nova e pequena escola. Despoís da emotividade de esta xuntanza, comezaba a derradeira parte do proceso, a celebración. Xuntos celebramos o traballo realizado, xogando e comendo, e poñendo en valor o traballo que fixeron as nenas e nenos xa que eles foron os artífices de todas as actividades, téndonos a nós soamente coma apoio.

Temos que recoñecer que non foi fácil para nós despedirnos das nenas e nenos de Victorias. Aínda así, marchamos sabendo que o proceso participativo cumpriu con creces calquera expectativa e os obxectivos foron amplamente superados.

Foto das nenas e nenos de Victorias 3 cos voluntarios

Na seguinte entrada contaremos como foi a nosa despedida cos nosos compañeiros e con este país que nos acolleu coma se fósemos fillos seus. Non vola perdades!

Un saúdo dende América!

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Páginas
RECENT COMMENTS
FlICKR GALLERY