Traballo, despedidas… e mais traballo

Bos días, boas tardes e boas noites.

Como xa vos adiantamos na última entrada, voltamos á nosa casiña en Retalhuleu onde pasaremos as últimas semanas desta experiencia PCR.

Foi unha semana de preparativos de todo o que está por vir: a presentación dos proxectos, o inicio das obras e o proceso de deseño do espazo de ocio da escola de María del Mar.

Comezamos cunha reunión na municipalidade de Champerico co alcalde e o primeiro concejal para falar dos novos proxectos educativos, explicarlles as intervencións, amosarlles as maquetas dos edificios e coordinar o traballo conxunto.

Aproveitando a nosa estancia nesta vila mariñeira, despois das conversas achegámonos á praia a comer nun dos típicos “ranchitos”, construcións de madeira e palma á beira da area. Logo, tivemos a oportunidade de bañarnos no Pacífico. Non a podíamos deixar pasar! Un océano gris, cálido e algo revolto agardábanos.

img_20161011_171606573_hdr

Os ranchitos de Champerico ao solpor

Continuamos a semana con traballo de oficina: Tocou rematar os planos dos proxectos e imprimir, pechar a preparación do proceso participativo, darlle o pulo final á maquetación da documentación que imos presentar a un premio de voluntariado… Así como reunións con ASIAPRODI para organizar próximas semanas e con distintos responsables como o mestre de obra ou o soldador, para poñer así en marcha as obras das infraestruturas educativas.

Todo isto, sobrevivindo á calor. Para iso, a última hora da tarde acudimos ao complexo deportivo de Reu para ir nadar á piscina olímpica ou a xogar ó frisbee.

planos-y-piscina

Os planos impresos para comezar as obras e a piscina na que rematamos as xornadas

Aproveitamos unha das reunións con Juventina, Damián e Cruz, integrantes da contraparte ASIAPRODI, para facer entrega dun traballo no que colaboraron as PCR 2015 (Ana e Bea): A publicación de “Cidadanía invisible”, onde se contan historias persoais dos colectivos cos que ASF traballa, tanto na Coruña como en Guatemala. Juventina e Cruz foron dous dos entrevistados que nos contaron a súa historia de vida e tivemos a sorte de que Damián escribira o prólogo. Para nós, esta primeira entrega foi moi emotiva, esperamos que lles gustase aos protagonistas este agasallo. Todavía temos 8 libros  máis para repartir!

entrega-libros

Entrega da publicación “Cidadanía invisible” a Cruz, Damian e Juventina

A fin de semana tocaba pasala na capital. Así que, fixemos as maletas de novo e saímos rumbo a Ciudad de Guatemala. O sábado tocaba despedirse dunha de nós (Lucía) xa que emprendería ese mesmo día o seu regreso a Galicia. A pequena familia vai disminuíndo. (non te vaias Lu!)

Posteriormente, os cinco restantes dirixímonos cara a actividade do día no Centro Cultural de España. Íamos proxectar por primeira vez en Guatemala o documental sobre o traballo de ASF-Galicia na materia de vivenda saudable: “El derecho a un Techito”. Podedes saber mais sobre esta xornada aquí.

Quedamos moi contentas co resultado e a asistencia. Foi moi emocionante para nos obsevar as caras dos protagonistas véndose reflexados no documental. Ao remate tivemos a oportunidade compartir unha cea con eles e elas e que nos contasen as súas impresións, todos estaban moi contentos e ilusionados co resultado!

techito

Proxección de “El Derecho a un Techito” e persoas que acudiron dende as comunidades

Rematamos a fin de semana aproveitando para percorrer o centro da cidade, “sextear” (pasear pola sexta avenida da zona 1 de Cidade de Guatemala) e coñecer o seu patrimonio, mercados e prazas…

capital

As duas PCR restantes de paseo por Ciudad de Guatemala

Xa de volta en Reu, comezou a acción! Puidemos colaborar directamente no proxecto de hábitat, que como sabedes é a liña principal de traballo de ASF, onde traballamos coa vivenda como escusa para desenvolver moitas outras liñas: formación na lei de vivenda, en hábitos hixiénicos saudables, ordenación da parcela, capacitacións de mestres de obra… ademais das “meras” construcións.

Tras reunirnos cos compañeiros e compañeira de ASIAPRODI e con persoas do consello comunitario dirixímonos ás comunidades de Aztlan,  Montecristo, Cuchuapán, Victorias el Salto e Santa Inés, onde nos esperaban os COCODES (persoa representante nas estruturas comunitarias) de cada unha delas. En total visitamos 15 das familias que poderían ser beneficiarias deste proxecto este ano.

_dsc0089

Visita a unha das familias 

As estruturas comunitarias son as que fan o traballo de priorizar: en primeiro lugar deciden que comunidades e despois que familias son as mais desfavorecidas e participativas coa súa comunidade, polo que serán as que se beneficien directamente dos proxectos.

Foi unha xornada moi interesante, onde puidemos ver a realidade das condicións de vida das comunidades coas que traballamos. Ademais aproveitamos para visitar algunhas das vivendas construídas en outros anos. Entre elas estaba a de Teresa Caxaj, beneficiaria hai uns anos e actual representante da súa comunidade,  que nos invitou a un delicioso almorzo.

viviendas2

Vivenda realizada o ano pasado e as dúas xuntas durante as visitas

Como vedes tivemos a oportunidade dunha inmersión completa na realidade das comunidades coas que ASF leva tantos anos traballando.

Xa levamos algunha que outra experiencia máis estes días pero será mellor contárvolo na seguinte entrada…

Ata a próxima.

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.