Unha semana de oficina e… volcán!

Bos días, boas tardes e boas noites!

Esta semana imos relatar a outra cara da viaxe PCR: o traballo de oficina. Como xa sabedes, levamos dúas semanas en Xela, onde temos a segunda base de ASF. A razón principal de estar aquí é que a temperatura é mais agradable para estar diante do ordenador. E pasamos moitas horas.

Nestes momentos, Lara, Adri e Ana están a desenvolver o proxecto de execución do INEB de El Rosario. Iso implica tempo de debuxo de planos, reunións co enxeñeiro que calcula as estruturas, volta a debuxar. Nós imos dando apoio nas pequenas tarefas que nos piden: acoutado das plantas, levantamento da fosa séptica, busca de materiais para acabados…

Planta Escuela María del Mar

Planos da Escuela María del Mar

Ademais, en colaboración cos compañeiros e compañeiras de Galicia estivemos a redactar un novo proxecto para finais de ano, un diagnóstico educativo na zona de Champerico. Formular sempre implica reunións imposibles de seguir a través do hangouts, intercambio de correos e múltiples tarefas no “asana”, a nosa ferramenta de xestión do grupo. O pasado xoves foi a entrega e, como habitualmente, chegamos un chisco xustos. Pero quedou listo! Agora toca agardar a ver se nolo conceden.

Tamén, como equipo PCR temos que avanzar nas nosas propias actividades. Esta semana adicamos a maior parte do tempo a presentar a candidatura do grupo para un premio de voluntariado universitario. Imos presentar o proxecto educativo N’oj, explicando o traballo desenvolvido tanto en Galicia como aquí.

E como nos organizamos?

A rutina da semana consiste en: erguerse cedo, preparar o almorzo, traballar no ordenador, saír ao mercado, preparar a comida, comer, traballar pola tarde, dar un paseo por Xela, seguir traballando, cear, charlar un rato e durmir. Así, de luns a venres, nun espazo tempo continuo.

Como sacar fotos deste proceso non é moi visual, deixamos un timelapse que estivemos a probar para que vos fagades unha idea do plan.

Unha vez aclarado que non vimos a Guatemala soamente para andar de excursión —chegáronnos malvados comentarios polas últimas entradas publicadas— contaremos os plans de fin de semana.

Tiñamos previsto o asalto ao Santa María (3.772 m). Subir un volcán é a actividade por excelencia de todos os PCR da organización, así que este ano tamén tocaba. Deixamos concertada a excursión o venres tarde e as cinco da mañá pasaban pola casa a buscarnos. Subíamos o equipo de ASF ao completo, David o guía e tres compañeiros máis que se sumaron ao ascenso cos que fixemos boas migas: Javi e Jose de Valencia e Jose de Guatemala. Non imos dicir que a subida foi sinxela, a altitude nótase!, pero tras catro horas de camiñar e mooooooooooitas paradas chegamos ao cume. Alí almorzamos e disfrutamos da mellor vista sobre as nubes.

Logo tocaba baixar e o descenso tamén ten as súas complicacións, os xeonllos sofren e hai que ter coidado de non arrolar. Todo o esforzo ben merece a pena, diso non hai dúbida. Volcán Santa María conseguido! Para finalizar o día acudimos todos xuntos a un restaurante indio a cear. Espectacular fin de xornada.

Ascensión volcán Santa MaríaEquipo ao completo na cima do volcán Santa María

O domingo pola mañá aproveitamos para traballar un anaquiño na oficina, pero pola tarde fomos descansar os nosos corpos e mentes ás Fuentes Georginas, pozas de augas termais que manan do volcán Zunil. No medio da vexetación, entre néboa e lóstregos, bañámonos nas piscinas de pedra de auga quente. Tivemos tamén a simpática visita dun pizote que veu facernos compañía.

Con esta imaxe bucólica, despedímonos. Ata a próxima!

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.