Visita ao CPI Castroverde para falar de Dereito ao Hábitat

Co alumnado de 4º de primaria do CPI Castroverde

Outro ano mais comezamos as actividades complementarias para os centros inscritos no Plan Proxecta Dereito ao Hábitat do curso 2016/2017. Unha proposta do Proxecto Terra e o grupo de Educación para o Desenvolvemento de Arquitectura Sen Fronteiras.

O pasado día 8 de marzo visitamos o CPI de Castroverde (Lugo) onde desenvolvemos a Unidade Didáctica Dereito ao Hábitat co alumnado de cuarto de primaria. Reflexionamos sobre os conceptos de hábitat e o hábitat humano, a paisaxe e o territorio facendo incidencia na súa contorna rural. Fixemos murais sobre o seu camiño dende casa á escola. Os nenos e nenas expuxeron fotografías que tiñan sacado dos seus espazos cotiás. Analizaron as razóns, o porqué unhas gústanlles e outras non. Debatimos na aula sobre como coidar os espazos, sobre a súa historia e tradición.

De casa á escola

Posteriormente demos unha pequena conferencia aos catro grupos da ESO sobre o traballo dunha ONG como a nosa. Explicamos a compoñente social e frecuentemente esquecida da disciplina da arquitectura. Proxectamos o documental El derecho a un techito e aproveitando que era o Día da Muller fixemos unha referencia ao seu papel na construción do hábitat. Finalmente tivemos un pequeno debate sobre o acceso a un hábitat digno da poboación en Galicia.

Agradecemos enormemente ao centro ternos recibido. Pasamos unha mañá moi agradable cos seus alumnos e alumnas, e amén co seu profesorado implicado.

Ata a próxima!

No CPI Castroverde

Deixar unha resposta