A comunidade Mam Cajolá inaugura a súa rede de auga potable

O pasado 23 de maio celebrouse a posta en funcionamento da nova rede de abastecemento de auga potable, que achega auga corrente directamente ás casas de 267 familias da comunidade Mam Cajolá en Champerico, Retalhuleu (Guatemala).

O proxecto combina innovación tecnolóxica e enfoque participativo. Foi posible grazas ao apoio económico da Generalitat Valenciana, a Xunta de Galicia, o Concello de Santiago e a AECID, e conta cun depósito elevado que proporciona a suficiente presión ao sistema, unha bomba híbrida e un sistema de cloración. Para non depender da rede de subministración eléctrica un sistema de paneis solares permite á instalación traballar de forma independente, reduce os custos ás familias e favorece a soberanía no uso do sistema de auga.

O funcionamento e mantemento da rede está nas mans do Comité da Auga, un órgano comunitario constituido por 14 mulleres e 7 homes que asumen a xestión do servizo.

Asistiron á inauguración Juventina López Vásquez e Damián Vail Alonzo de ASIAPRODI, socia de Arquitectura Sen Fronteiras en este e outros proxectos, e que levan acompañando á comunidade desde que se asentaron en Champerico, a deputada Sonia Gutiérrez do partido WINAQ, o Viceministro de Interculturalidad Santos Alvarado e o Comisionado da Comisión Presidencias Contra a Discriminación e o Racismo en Contra dos Pobos Indíxenas en Guatemala -CODISRA- Miguel Felipe Pajarito, ademais de líderes comunitarios das comunidades próximas e representantes das empresas participantes.

A cerimonia destacou pola realización dun ritual tradicional en honra ao Nahual Imox, espírito vinculado á auga segundo a cultura maia. Veciños e veciñas participaron con ofrendas, flores, música e discursos. Un momento de celebración pola mellora nas condicións de vida, polo fortalecemento da súa capacidade organizativa e pola consolidación dun modelo de desenvolvemento centrado na autosuficiencia e a sustentabilidade.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.