Estamos de parabéns: a nosa organización cumpriu 25 anos. O 30 de marzo de 1992, 88 persoas, entre as cales había 84 arquitectos e arquitectas, 1 biólogo, 1 perito industrial e 1 profesor de debuxo, reuníronse para constituír a nosa asociación como Organización non Gobernamental, co fin de integrar a Arquitectura e a súa función social no campo da cooperación. Desde entón, loitamos día a día para que a defensa por un hábitat digno poida ser unha realidade en todos os recunchos do mundo.
Tras 25 anos de traxectoria, levámonos moitas aprendizaxes, experiencias, vivencias e o desenvolvemento de moitos proxectos tanto no terreo da cooperación internacional como local.
Para nós é unha celebración moi especial: celebramos anos e querémolo facer ao grande, facendo público o noso documental El Derecho a un techito rodado en Guatemala pola ONGD AGARESO (Asociación Galega de Reporteiros Solidarios) a quen agradecemos o seu traballo e colaboración.
Este documental -que ata a data foi proxectado en festivais e foros privados- ten como o fío condutor o noso maior aceno de identidade: o dereito a unha vivenda digna, e é unha mostra do traballo de ASF Galicia en Guatemala nos últimos dezaoito anos.
Pero, sen dúbida, El Derecho a un Techito é tamén un reflexo dos centos de proxectos que nestes 25 anos levamos a cabo desde Arquitectura Sin Fronteras.
Convidámosche a que o vexas e o compartas. Pero sobre todo convidámosche a que o goces.
E se queres saber un pouco máis da nosa traxectoria, visita as nosas memorias de actividades dos últimos 5 anos.
Deixar unha resposta