Este mes de setembro arrancamos co proxecto Dereito ao Hábitat Rural, enfocado na promoción dun modelo de hábitat rural sostible baseado en dereitos humanos, igualdade de xénero, promoción da cultura de paz, cidadanía global e valoración da diversidade cultural.
O proxecto desenvólvese en 15 comunidades educativas do rural galego, pertencentes a territorios nos que se identifican certas vulneracións do dereito ao hábitat: perda de servizos básicos, escaseza de oportunidades, despoboamento ou desvalorización do patrimonio, entre outras.
Detéctanse, así mesmo, limitacións no sistema educativo, como a falta de contextualización do currículo, a escasa formación do profesorado sobre as especificidades das contornas rurais ou a ausencia de ferramentas para traballar o dereito ao hábitat desde unha perspectiva ecosocial e ecofeminista.
As dinámicas implícitas no currículo educativo responden ás dun modelo urbanocéntrico que non ten en conta as especificidades do medio rural. Porén, o medio rural, xunto ao currículo educativo actual, ofrecen unha serie de oportunidades para a construción dun modelo global de desenvolvemento social e ambiental sostible, como son: conexión co territorio e saberes locais, espírito comunitario e interdependencia, espazo de aprendizaxe para a ecodependencia, fomento do sentimento de pertenza e autoestima rural, e resiliencia, entre outras.
O proxecto estrutura as súas accións en dúas liñas principais, vinculadas á poboación da comunidade educativa á que vai dirixido:
Traballar co profesorado para proporcionar recursos, materiais e ferramentas que lles permitan adaptar e contextualizar o currículo educativo ás condicións específicas do hábitat rural local, así coma formarse e reflexionar sobre as posibilidades pedagóxicas que ofrecen as metodoloxías ecoeducativas, desde a necesidade de engadir ao currículo unha nova mirada ecocéntrica.
Ofrecer ao alumnado modelos alternativos de desenvolvemento humano rural que sexan viables e compatibles coa sostibilidade da vida baixo unha perspectiva ecofeminista e ecosocial.
Agradecemos a cada un dos centros educativos vencellados ao proxecto pola súa participación neste ilusionante proxecto, e polo seu compromiso co Dereito ao Hábitat Rural, e á Cooperación Galega da Xunta de Galicia polo financiamento.
Permanecede atentos as vindeiras novas para saber máis das actividades que desenvolveremos no marco deste proxecto.
Deixa unha resposta