Arrancan os obradoiros de Modelos Ecosociais!

O 12 de decembro de 2025 comezan os obradoiros de modelos ecosociais, unha liña de actividades para o alumnado dos centros educativos participantes no proxecto de Dereito ao Hábitat Rural, que abordan temáticas de interese para o traballo no proxecto dun xeito vivencial. Está prevista a realización de dez obradoiros en total, nos centros das catro provincias que participan no proxecto, cinco deles no 2025 e os outros cinco no 2026.

Para o deseño e execución dos obradoiros contamos coa participación de persoas e colectivos expertos na materia: Colectivo Re.Creo, Miudiño S. Coop. Galega, Feitoría Verde S. Coop. Galega, a arquitecta Natalia Campos Ferro e Outonía S. Coop. Galega.

Comezamos hoxe no CIFP A Granxa de Ponteareas cun grupo de 11 persoas do Ciclo Superior de Educación e Control Ambiental. Marta Somoza e Juan Aragonés, integrantes do Colectivo Re.Creo, prepararon unha actividade estupenda na que o alumnado puido percorrer os arredores do seu centro educativo coñecendo o patrimonio e moitos datos que lles axudaron a por en valor esta parte do noso territorio.

Tamen se realizou hoxe o obradoiro Argallando: con material natural e ferramenta real, impartido por Miudiño S. Coop. Galega na EEI de San Roque (Viveiro), participando un total de 74 nenas e nenos do segundo ciclo de educación infantil que puideron construír xoguetes e todo aquelo que desexaron coas súas propias mans, con ferramenta real e materiais naturais que lles fixeron poñer a funcionar todos os seus sentidos.

Seguiremos compartindo experiencias! Agardamos que estes obradoiros resulten do máximo interese e que o alumnado poida sacar deles o máximo proveito.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.