Arrincamos os obradoiros de Dereito ao Hábitat Rural!

O 10 de febreiro tivo lugar o primeiro obradoiro para o alumnado sobre Dereito ao Hábitat Rural, a principal liña temática do proxecto do mesmo nome. Comezamos tamén cos obradoiros sobre Tecnoloxías Apropiadas, liña complementaria á anterior, ambos deseñados e desenvolvidos polo equipo de ASF responsable do proxecto. 

Arrincamos con dous obradoiros, de cada unha destas liñas de traballo, no IES Politécnico de Vigo. Este centro vencellado ao proxecto, pese a situarse no centro da cidade, na etapa de Formación Profesional acolle alumnado da contorna rural e rururbana. Nestes dous primeiros obradoiros participaron dous grupos de 1º e 2º curso do Ciclo Superior de Proxectos da Edificación, de 25 e 17 persoas respectivamente.

Tamén se realizaron hoxe dous obradoiros máis sobre Dereito ao Hábitat Rural no IES O Ribeiro, o primeiro cun grupo de 1º da ESO e o segundo cun 2º da ESO.

Está prevista a realización de dez obradoiros en total por parte do equipo de ASF no que queda de curso, nos centros das catro provincias que participan no proxecto. Oito deles tratarán sobre Dereito ao Hábitat Rural e os outros dous sobre Tecnoloxías Apropiadas.

Estes obradoiros sobre Dereito ao Hábitat Rural están pensados para motivar a reflexión do alumnado arredor do hábitat coma un sistema complexo de situacións que debe construírse colectivamente e ao que todas as persoas teñen dereito no territorio rural no que se habita. Reflexionar sobre as situacións cotiás do alumnado entorno ao hábitat e interpretar os aspectos positivos e negativos, así como apelar ás súas emocións sobre as problemáticas e oportunidades presentes, é o camiño para que no futuro poidan gozar de modelos de hábitat para o desenvolvemento humano alternativos, viables e compatibles coa sostibilidade da vida.

Así coma nestes primeiros obradoiros sobre Dereito ao Hábitat Rural non foi posible poñer en práctica a actualización da Unidade Didáctica Dereito ao Hábitat, que se está a desenvolver grazas ás aportacións do profesorado de Primaria e Secundaria participante no Seminario Intercentros, agardamos que nas vindeiras sesións xa teñamos a unidade preparada para poder testear eses novos contidos sobre hábitat rural.

Por outra banda, os obradoiros sobre Tecnoloxías Apropiadas buscan achegar ao alumnado este concepto, tendo de referencia o traballo que ASF ten xa desenvolvido durante moitos anos baixo esta perspectiva en Guatemala. Deste xeito poderán analizar criticamente o uso das tecnoloxías na súa contorna local, reflexionar sobre a súa adaptación ao medio e promover unha visión alternativa, sostible e contextualizada do deseño e emprego tecnolóxico.

Seguiremos compartindo! Agardamos que estes obradoiros resulten de interese e que o alumnado poida sacar deles o máximo proveito.



Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.