O pasado sábado 18 tivo lugar a Asemblea Local Ordinaria e Extraordinaria da demarcación de Galicia de Arquitectura Sen Fronteiras no Centro Cívico da Cidade Vella.
Estaban convocadas todas as persoas socias, voluntarias e contratadas que forman ASF na actualidade. Consideramos que a asistencia foi numerosa xa que, en total, fomos quince de nós as que participamos na mesma. Ademais, tamén tivemos a visita inesperada de Lucrecia, unha arquitecta arxentina, que achegouse para coñecer o traballo que desenvolvemos.
Na orde do día estaban incluídas a presentación do traballo de cada grupo, as perspectivas para 2017 da nova Xunta de Demarcación, a presentación do balance económico do pasado ano e o orzamento para este, a aprobación de novos apartados no Libro Branco —o noso código interno de funcionamento—, a entrega dos certificados de acción voluntaria, e as eleccións á nova xunta.
Nesta nova andadura que agora iniciamos continúan un ano máis na Xunta Directiva Lucía García-Cernuda Ruiz de Alda (agora na presidencia) e Ana Rivas del Pozo (tesoureiría) e volta de novo Alberto Fortes Novoa (secretaría). Botaremos de menos ao noso anterior presidente, Juan Antonio Ortiz Delgado. Grazas polo traballo deste ano.
Unha vez finalizada a Asemblea, aproveitamos a soleada mañá desta incipiente primavera para celebrar este encontro todas xuntas nunha terraza da praza da Fariña.
Deixar unha resposta