Asistencias Técnicas para revisión de materiais e a titorización do curso en liña “Hábitat a Escala Humana”

Cartel curso en liña Hábitat a Escala Humana HaEH

O obxectivo desta convocatoria é a selección dunha persoa ou un equipo consultor para a revisión e actualización dos contidos e a titorización do curso en liña “Hábitat a Escala Humana”, no marco do ”Proxecto de difusión do dereito ao hábitat, con especial incidencia en modelos de gobernanza participativos, a través da sensibilización e a educación non formal de axentes multiplicadores clave e alumnado de secundaria na cidade da Coruña”, desenvolvido por ASF Galicia en colaboración coa Universidade de A Coruña, e co cofinanciamento da Subdirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea da Xunta de Galicia.

Tarefas a realizar pola persoa ou equipo seleccionado

Revisión de materiais do curso:

  1. Elaborar un documento de 5000 palabras (en galego e castelán) que trate de forma específica os “Obxectivos de Desenvolvemento Sostible” e “Hábitat III”.
  2. Actualización e revisión dos contidos dos 5 módulos do curso en liña nas súas dúas versións (galego e castelán). Dentro desta revisión deberán tratarse os ODS e Hábitat III de forma transversal.
  3. Listado de bibliografía de consulta e de referencia vinculada coa temática do módulo. Dita bibliografía incluirá formatos propios dunha formación en liña (material audiovisual, páxinas web de referencia, etc) así como as publicacións e outras referencias que o consultor considere imprescindibles cunha media de catro entradas por módulo.

Titorización do curso:

ANTES DO COMEZO DO CURSO

Cos contidos do módulo do curso que lle serán entregados por ASF, a persoa ou equipo seleccionado deberá elaborar o seguinte material:

  1. Elaboración de documento de planificación. Enviarase un documento con extensión máxima de tres páxinas onde se explique a metodoloxía a seguir definindo os criterios de avaliación e unha breve programación dás actividades.
  2. Elaboración de tres cuestionarios de avaliación tipo test de 5 preguntas para os módulos 1, 2 e 4 cubrindo o conxunto das temáticas dos mesmos.
  3. Redacción dun exercicio práctico de avaliación do estudante. O devandito exercicio deberá cubrir a totalidade dos contidos tratados nos módulos 1, 2 e 4. A explicación do exercicio deberá ter un mínimo de 3.000 caracteres (entre contextualización, enunciado, obxectivos, documentación a entregar por parte do estudante e a bibliografía específica do exercicio).

DURANTE O CURSO

  1. Resolución de dúbidas do alumnado sobre os contidos e dinámicas do módulo. A persoa ou equipo consultor terá que resolver as dúbidas expostas polo alumnado en relación aos contidos do curso. As preguntas deberán ser respondidas nun prazo máximo de 24h, sen incluír os fins de semana ou festivos. Así mesmo, se as dúbidas expostas polo alumnado non se poden resolver polo foro de forma áxil, poñerase unha hora de atención en liña para resolver as dúbidas a través do chat.
  2. Dinamización de foros. Os foros do curso son o espazo que dispón o alumnado para intercambiar experiencias, coñecementos e expoñer as súas dúbidas. O equipo de seguimento encargarase de dinamizar este espazo e de motivar ao alumnado para participar nel, incorporando información complementaria ou dando seguimento ao traballo realizado polo alumnado. Especialmente realizará estes labores no foro de presentación, sendo o primeiro en abrilo e presentarse aos alumnos/as.
  3. Corrección de prácticas. O equipo de seguimento encargarase de corrixir e avaliar as prácticas facendo unha valoración de, polo menos, 150 palabras na que se sinalen os aspectos acertados e aqueles a mellorar.

AO FINALIZAR O CURSO

  1. Elaboración de informe resumo coas mellores prácticas do curso. A persoa ou equipo consultor elaborará un informe resumo coas mellores prácticas e as súas aprendizaxes que estarán a disposición de todo o alumnado. Neste informe incorporaranse as dúas ou tres mellores prácticas e farase unha valoración de polo menos duascentas palabras nas que se sinalarán os aspectos positivos das mesmas.
  2. Elaboración dun informe final. Entregarase un informe final, dunha extensión máxima de cinco follas, que recollerá a seguinte información: participación do alumnado, posibles incidentes, resumo de dúbidas expostas, informe de cualificacións finais, avaliación xeral da organización do curso e aspectos a mellorar.
Remuneración

A actualización dos módulos do curso en liña será obxecto dunha retribución bruta de 1000,00 Euros (Impostos que correspondan incluídos).

A titorización do curso en liña será obxecto dunha retribución bruta de 1250,00 Euros (Impostos que correspondan incluídos).

A retribución de cada consultaría realizarase nun único pago tras a entrega da factura correspondente a súa finalización, según as datas previstas nos termos de referencia.

Candidaturas
As persoas ou equipos interesados enviarán a súa candidatura á dirección gteducación.gal@asfes.org antes do día 19 de marzo de 2018, especificando:
  • Datos de contacto
  • Convocatoria á que se postula e compromisos de idiomas (ver Anexo I dos termos de referencia)
  • Currículum Vitae acreditando os méritos e coñecementos precisos relacionados coas tarefas a desenvolver
Máis información

Términos de Referencia Completos [pdf]

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.