Moi boas!
Son Rebeca Cuevas González e dende Guatemala, a 8.000 km de distancia do meu fogar, escríbovos a experiencia vivida nestes 10 días en terreo como voluntaria de Arquitectura Sen Fronteiras Galicia
A miña chegada ó país foi na tarde do xoves 7 de setembro á Cidade de Guatemala. Esa primeira noite houbo un terremoto de 7.2 na escala de Ritcher, o primeiro na miña vida. Sorte a miña que aínda que me atopaba nun 12º (nesas alturas nótase moito mais o movemento) estaba moi ben acompañada e todo transcorreu con tranquilidade.
Os días seguintes aproveitei para coñecer un chisco a capital e a xente doutras organizacións que levan tempo traballando no país en diferentes ámbitos da cooperación.
O luns 11, xa de mañá, reunímonos o equipo en terreo de ASF (Lara, Adrián mais eu) coas contrapartes ASIAPRODI (Asociación Indígena Agropecuaria Pro-Desarrollo Integral) e FODHAP (Federación de Asociaciones y Organizaciones para el Desarrollo del Hábitat Popular). Nesta reunión falouse dos proxectos executados, os que están en marcha e os que comezarán nesta tempada. [En entradas posteriores explicarémosvos ben cales son e de que trata cada un deles] Nese mesmo día emprendemos a nosa viaxe en coche a cidade na que pasaremos estes meses de traballo, Retalhuleu, a 200 km da capital.
Os días seguintes da semana, xa en Retalhuleu, foron días de mais reunións, mudanza e readaptación a nova cidade, a nova cultura, o novo fogar e sobre todo o novo clima. Situada a uns 230 m sobre o nivel do mar, cunha temperatura media de 26,3ºC e unha humidade media do 70% ademais da choiva, posto que setembro e o mes con maiores precipitacións do ano.
Na fin de semana aproveitamos para visitar Quetzaltenango, ou Xela na súa denominación indíxena, que é a segunda cidade mais importante do país. Moito mais fresquiña posto que está a 2380 m sobre o nivel do mar rodeada de varios volcáns. Nesta cidade tamén pasaremos algúns días destes meses posto que é a segunda base de ASF en Guatemala.
Nesta segunda semana teremos as reunións coas comunidades para comezar as obras que se levarán a cabo na mellora do hábitat do municipio de Retalhuleu, así como o deseño da nova escola e das novas vivendas que comezan este ano.
Seguireivos contando nos próximos días como transcorre todo.
Unha aperta.
Deixa unha resposta