Campo de refuxiados e refuxiadas de Za’atari en Xordania, imaxe por U.S. Department of State
En Arquitectura Sen Fronteiras temos, dende a nosa posición, a oportunidade e o privilexio de unirnos á mensaxe da ciudadanía e adherirnos así a tódalas voces que, rexeitando o inmovilismo irresponsable dos nosos gobernos, esixen unha resposta humana e competente a esta situación. Durante os últimos anos asistimos ao retrato insoportable do éxodo de miles de familias. Todas estas imaxes se convirten, cada día, na testemuña incómoda e vergonzante do fracaso dunha sociedade.
Regatear con números é inadmisible. Non somos políticos, sabemos que a verdadeira solución pasa por parar a guerra que lles expulsou da súa terra. A nós correspóndenos ser un altofalante a través da incidencia política e adoptar un papel estratéxico nas mesas de traballo para garantir os dereitos fundamentais de todas estas familias. O refuxio é a primeira instancia da habitabilidade e como tal nos atinxe. Temos a responsabilidade de coordinar as nosas capacidades cos organismos públicos e as entidades sociais que están poñéndose en marcha. Por este motivo, máis que nunca, achegar esforzos e competencias resulta imprescindible. De nada serve actuar movidos polo sentimentalismo. As accións que se leven a cabo deben ter un carácter integral e encamiñarse a resolver todas as cuestións que afectan, non só á habitabilidade destas familias, senón a garantir o seu acceso á educación, á sanidade e a integración no mercado laboral no curto e medio prazo dentro das estruturas dos países de acollida.
Somos conscientes de que a gravidade da situación durante os últimos meses supuxo un revulsivo para toda a sociedade. Pero non debemos esquecer que actualmente existen miles de persoas inmigrantes no noso país, procedentes de Siria e doutros países, que levan anos sen ver recoñecidos os seus dereitos máis básicos e que agora non poden quedarse fóra das accións sociais que se leven a cabo. Non cremos en porlle sufixos á palabra emigrante. No noso mesmo nome vén implícito que entendemos o dereito a un hábitat digno, e por tanto ao refuxio, como un tema non delimitado pola xeografía, a política ou as fronteiras. Inmigrantes ou refuxiados, abandonemos os debates semánticos e comecemos a traballar coas persoas. Para iso é fundamental non caer no cortoplacismo adoptando medidas de urxencia que a duras penas servirán como paliativo ao problema real. O mundo axítase alleo ás axendas dos países e toda a estrutura de acollida que construamos a partir deste momento debe ter un carácter perentorio e perdurable. As súas vidas continúan aínda lonxe dos seus fogares e é noso deber procurar que a ferida aberta na existencia destas persoas non se converta nun abismo.
Deixar unha resposta