Boas!
Somos Daniel Vázquez Paredes e Sandra Pérez Rodríguez retransmitindo dende Guatemala esta aventura que disfrutamos grazas a bolsa Proxecto de Coñecemento da Realidade (PCR) que nos concedeu a Oficina de Cooperación e Voluntariado da UDC (OCV).
Chegamos a Ciudad de Guatemala o 1 de setembro, despois de 12 horas de voo, onde fomos recibidos polo equipo en terreo de Arquitectura Sen Fronteiras (ASF). Os primeiros días pasámolos na capital e aproveitamos para realizar a nosa primeira reunión coas contrapartes ASIAPRODI (Asociación Indígena Agropecuaria Pro-Desarollo Integral) e FODHAP (Federación de Asociaciones y Organizaciones para el Desarrollo del Hábitat Popular). Nesta tratouse a planificación e seguimento dos proxectos que se van a desenvolver este ano. Ademáis, tivemos tempo para visitar brevemente a capital do país.
Nestas dúas primeiras semanas tivemos bastante movemento. Primeiro visitamos brevemente Antigua Guatemala no noso camiño a Quetzaltenango. Esta cidade é a antiga capital do país e actualmente Patrimonio da Humanidade pola UNESCO.
En Xela ou Xelajú, nomes populares polos que se coñece a Quetzaltenango, pasamos uns poucos días nos que elaboramos un cronograma e planificamos estes dous meses que durará a nosa estancia en Guatemala. Tamén nos reunimos coa coordinadora en España, Lara, para poñernos ao día das novas.
Na nosa primeira fin de semana viaxamos cunha das técnicas e antiga PCR, Rebeca, cara o lago Atitlán, un gran cráter volcánico rodeado dos volcáns San Pedro, Atitlán e Tolimán, recorrendo os distintos pobos como Panajachel, San Marcos ou San Juan. Neste último visitamos diversas cooperativas indíxenas de confección de tecidos e de chocolate, coñecendo o proceso de elaboracion artesanal destes produtos.
Na segunda semana chegamos a Retalhuleu, onde desfixemos as maletas e por fin nos instalamos. Comezamos a semana cunha posta en común con ASIAPRODI e os nosos compañeiros de ASF impartiron varios talleres de administración, seguimento económico e supervisión de obras .
A finais, viaxamos ás comunidades por primeira vez. Comezamos visitando o proxecto de educación que rematou o ano pasado, a escola da comunidade El Manchón. Así, puidemos revisar o seu estado e comprobar o resultado final para telo en conta na toma de decisións do novo proxecto educativo, a escola para a comunidade Victorias III. Ese mesmo día, asistimos a un taller de elaboración de tellas na cooperativa B’eljuj Q’anil, onde tamén se atopa a radio comunitaria “La Costeñita”. Rematamos esta actividade comendo todos xuntos.
Esta semana que comeza, viaxamos de volta ao altiplano, a Quetzaltenango, para traballar nos planos de execución da escola de Victorias III.
Seguiremos contando o noso progreso.
Un saúdo dende América!
Deixar unha resposta