Comeza o testeo da Unidade Didáctica actualizada

No proxecto Dereito ao Hábitat Rural estaba prevista a revisión e actualización da Unidade Didáctica Dereito ao Hábitat, elaborada por Hábitat Social e publicada por ASF no 2014.

Era preciso incorporar a esta unidade didáctica a app Mapeo Colaborativo para o traballo de campo, así coma renovala tendo en conta o marco da Axenda 2030. Aproveitouse tamén para revisar todos os seus contidos e engadir un novo material que ampliara os contidos existentes para atallar as problemáticas identificadas arredor do hábitat rural, engadindo o dereito ao territorio rural e partindo das casuísticas que caracterizan ás contornas e comunidades educativas deste medio.

A revisión foi posible grazas ao equipo de voluntariado de ASF Rural, que lidera este proxecto e ao profesorado participante no Seminario Intercentros que se celebrou no IES Plurilingüe de Ames, no que participaron docentes de referencia de once centros dos quince vencellados ao proxecto.

Neste momento a unidade xa está lista para poñela en práctica por parte das comunidades educativas participantes no proxecto, e será levada aos centros nos que se desenvolva o Obradoiro de Dereito ao Hábitat Rural de agora en diante.

Unha vez testeada e feitas as últimas revisións, porase a disposición da comunidade educativa galega, de maneira libre e gratuíta.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.