Nada máis chegar a Reu tivemos a primeira experiencia na comunidade, unha formación de vivenda saudable. Unha boa forma de empezar!
Nesta formación desenvolvéronse ao longo de toda a mañá unha serie de actividades e dinámicas para formar ás familias da comunidade beneficiarias dos sanitarios construídos por ASF sobre prácticas saudables relacionadas coa vivenda. As actividades buscaban o dinamismo e participación activa de todas as persoas, xente correteando buscando pistas, relatos de historias…
Cando terminaron as actividades a comunidade tiña preparada unha deliciosa comida para todos e todas as participantes! Tamales e unha sopiña ben quentiña para contrastar co clima de Retalhuleu 😂.


Nos seguintes días estivemos con moitas dúbidas e preguntas que pacientemente Sonia, a técnica expatriada de ASF, ía resolvendo. E entre as súas explicacións, textos, vídeos e formacións de ASF, fómonos decatando un pouquiño máis de todo isto.
Volvemos á comunidade! Nesta ocasión para a visita e autoavaliación do estado das vivendas das persoas beneficiarias e dos novos sanitarios en proceso de construción. As propias persoas da comunidade e donos das casas avaliaban unha serie de factores relacionados coa parcela, a cociña, os dormitorios e os sanitarios, para ter unha referencia do punto de partida.
Próximamente tivemos máis traballo de oficiña, formacións, reunións con ASIAPRODI, máis dúbidas para os compañeiros da oficiña, irresistibles zumes (dos que hai que ter coidado por se non fosen feitos con auga pura) en bares da zona, e fómonos asentarnos aos poucos na cidade.
Por último, unha segunda formación de vivenda saudable na comunidade.
E chegou a fin de semana! Dunha forma un tanto improvisada partimos cara Xela aproveitando a viaxe a casa do compañeiro Iván. Á mañá seguinte xa tiñamos reservado un transporte a Panajachel, para pasar a fin de semana no lago Atitlán. Fomos explorando os diferentes asentamentos e pasamos a noite nun chusquiño hostel construído en bambú no que tamén se impartía actividades de permacultura.
Apresurando as últimas horas que nos quedaban, visitamos o cerro Tzankujil, reserva natural con zonas de baño, miradores e altares maias. Ao chegar ao cume vímonos inmersas nunha cerimonia maia de agradecemento.



Deixa unha resposta