Mellora de dúas dotacións materno infantís
para a redución da desnutrición infanil en San Juan Ostuncalco e San Martín Sacatepéquez
Departamento de Quetzaltenango. 2014-2015
Outros Proxectos
No marco dun programa liderado por Farmamundi para a Redución da Desnutrición Infantil en Guatemala, a intervención de ASF céntrase na mellora de dúas infraestruturas sanitarias do departamento de Quetzaltenango, en base aos requirimentos de Farmamundi, os obxectivos do programa e as necesidades apuntadas tanto polos membros dos servizos de saúde como polo propio equipo de Arquitectura Sen Fronteiras.
En concreto, no centro de saúde de San Juan Ostuncalco, constrúese unha ampliación en dous niveis na parte traseira da parcela do centro, que alberga unha nova e máis ampla consulta nutricional, un espazo de atención prenatal e unha sala para a formación e intercambio con comadronas.
No centro de atención permanente de San Martín Sacatepéquez trasládanse as dependencias de servizo á planta superior, para ampliar a sala de partos e mellorar o seu acceso e funcionalidade. Ademais inclúese unha sala de parto vertical, por unha cuestión de pertinencia cultural, pois as mulleres indíxenas tradicionalmente dan a luz nesta posición. Por este motivo en ocasións paren nos seus fogares, co risco que isto pode supoñer en caso de complicacións para a nai e o bebé.
Todos estes traballos adaptáronse ás condicións propias da zona, montañosa fría e sísmica, mediante sistemas construtivos e deseño adecuados. E a un posible crecemento futuro.
Inclúense tamén os aspectos ou valores engadidos que Arquitectura Sen Fronteiras, seguindo a súa política de intervención, plantexa desenvolver no proxecto. Esa política está orientada, non só a conseguir unha construción axeitada ás necesidades, senón tamén a xerar un desenvolvemento humano ao redor do proceso de construción.
Nome do proxecto: Mellora das dotacións materno-infantís no marco do programa liderado por Farmamundi para a Redución da Desnutrición de menores de dous anos e mulleres embarazadas en Guatemala
Lugar: Departamento de Quetzaltenango, Guatemala
Data de execución: 2014-2015
Financiador: AECID
Presuposto: 161.850€
Demarcación responsable: Arquitectura Sen Fronteiras, Galicia
En consorcio con: Farmamundi e Mugarik Gabe
Contraparte: ASECSA
Ficha: PDF