Proxecto B'eljuj Q'anil
de fortalecemento dos procesos de desenvolvemento autónomo en base a unha actividade produtiva
Departamento de Retalhuleu. 2014-2015
Outros Proxectos
O proxecto de fortalecemento da cooperativa de produción de materiais de construción B'eljuj Q'anil, enmárcase no traballo de promoción desta actividade produtiva como foco de desenvolvemento das 16 comunidades campesiñas e maioritariamente indíxenas do municipio de Champerico, Retalhuleu.
A cooperativa, que fabrica e vende bloque de formigón e de tella de microcemento, iniciou a súa andaina no ano 2010 dentro do Programa Oxlajuj Tz'ikin como estrutura comunitaria que impulsase o desenvolvemento autónomo a partir de tres obxectivos:
- Constituír unha fonte de traballo para as comunidades
- Ofrecer materiais económicos e de calidade á poboación das comunidades para mellorar as condicións de habitabilidade
- Desenvolver proxectos sociais cos beneficios xerados
Este obxectivo de impulso do desenvolvemento nas comunidades trabállase desde dúas liñas de traballo: por unha banda, potenciando a súa capacidade de xeración de fondos propios, e por outro fortalecendo os procesos participativos nos órganos de decisión comunitarios.
A primeira liña trabállase a partir do fortalecemento da cooperativa, das súas capacidades de xestión, produción e comercialización a través de diversas formacións, e da mellora das instalacións e equipos da planta; de xeito que se converta nunha ferramenta eficaz e sustentable de xeración de fondos propios para o desenvolvemento das comunidades integradas.
A segunda liña, de fortalecemento dos procesos participativos, trabállase cos representantes comunitarios da cooperativa e do Consello de Autoridades Comunitarias do Sur, organismo de incidencia política con representación na municipalidade. Búscase fortalecer o liderado destas estruturas comunitarias, desenvolvendo mecanismos de priorización, xestión, supervisión e control dos proxectos comunitarios e promovendo a toma de decisións nun proceso participativo e inclusivo que tome en conta as opinións e necesidades das mulleres.

Nome do proxecto: Proxecto B'ELJUJ Q'ANIL de fortalecemento dos procesos de desenvolvemento autónomo, con especial incidencia na equidade de xénero, de 16 comunidades do Departamento de Retalhuleu, Guatemala
Lugar: Departamento de Retalhuleu, Guatemala
Data de execución: 2014-2015
Financiador: Fondo Galego de Cooperación e Solidaridade
Presuposto: 36.310,32 €
Demarcación responsable: Arquitectura Sen Fronteiras, Galicia
Contraparte: ASIAPRODI
Ficha: PDF