Asentamentos Precarios da Coruña
Asentamentos Precarios da Coruña
A Pasaxe
Na Ponte Pasaxe, a partir do desaloxo de A Cubela, asentáronse persoas xitanas convivindo con mercheras e portuguesas nas naves abandonadas da “Conserveira Celta” e de “Jabones la Toja”. Este asentamento perdura dende os anos 80 ata día de hoxe, apartado da sociedade e envolto nun alto grao de vulnerabilidade e exclusión social.
Os terreos localízanse a carón da ría do Burgo nunha parcela limitada polo norte e o leste pola ría, ó sur pola ponte Pasaxe e ó oeste pola vía de tren A Coruña-Ferrol.
A parcela caracterízase pola existencia de naves industriais en actividade (conxelación e reparación de automóbiles) e as ruínas das antigas industrias, onde están asentadas na actualidade as comunidades de etnia xitana e de orixe portugués. A maioría das familias xitanas atópanse na franxa costeira ao borde da ría, e as familias portuguesas nos terreos que esténdense entre a ría e a vía de ferrocarril ao oeste organizados en ringleiras paralelas á antiga nave de Jabones La Toja, afectada por perigo de derrubo.
Según os datos extraídos no actual proceso de realización do censo por parte de ASF-Galicia, viven de forma permanente no asentamento un total aproximado de entre 45 e 50 familias. 13 delas son de etnia xitana e o resto de orixe portugués, cunha poboación total arredor das 150 persoas, contando con máis de 50 nenos e nenas menores de 13 anos.
As condicións de habitabilidade están moi por debaixo dos estandares mínimos recoñecidos polo Comité Hábitat de Nacións Unidas, provocando graves problemas de salubridade e de saúde que están afectando a cotío á poboación e ás condicións medioambientais da contorna, o que supón unha situación de emerxencia humanitaria.
As actividades laborais que realiza a poboación son de carácter informal, ligadas ao marisqueo e á chatarra. É minoritario o número de persoas que dispón de carné de mariscador (menos de 10 persoas).
Non todos os nenos están escolarizados e resulta alarmante a elevada porcentaxe de absentismo escolar.