Asentamentos Precarios da Coruña

Penamoa

Tralo desaloxo e desmantelamento de A Cubela, a única solución proposta dende a administración, de “tipo provisional”, consistiu no traslado temporal da poboación aos terreos de Penamoa, afastados e illados da cidade.

“Cada barracón constaba de 40m2 e estaban achegados uns a outros formando ringleiras. As paredes, dunha folla de bloque sen illamento, e a cuberta a base dunha placa de fibrocemento (uralita), non acadaban na súa construción unhas mínimas condicións de salubridade e habitabilidade, condición que empeoraba co rápido deterioro destes barracóns provisionais. Estes módulos, lonxe de contribuír a familiarizar a esta poboación con hábitos hixiénico-sanitarios, non contaban, na súa instalación, con cociña nin con ducha ou bañeira, o que obrigou á xente a improvisar estes servizos de xeito informal. Tanto as instalacións de fontanería, de saneamento e de electricidade foron dende o principio moi precarias, pensadas, como moito, para atender a unha poboación aloxada durante 3 meses máis que para cubrir as necesidades dunha poboación que finalmente permaneceu asentada durante case 30 anos. Este traslado e asentamento de aproximadamente 30 familias repartidas entre as 50 “casas brancas” de Penamoa vulneraba os dereitos básicos das persoas ao carecer o asentamento das mínimas condicións de habitabilidade, dos servizos básicos e ao non ter as familias garantida a escolarización dos nenos.”

Informe de ASF-Galicia sobre o poboado de Penamoa, 15-05-2011

Análise da intervención municipal en A Cubela

O realoxo realizado en Penamoa provocou un total illamento físico e social da poboación, rompendo os vínculos sociais, laborais e espaciais que mantiña coa sociedade no enclave urbano, potenciando así a situación de exclusión social. A dificultade de accesibilidade ao lugar de realoxo, e a carencia de comunicacións e transporte público, potencia o illamento e aumenta a distancia aos equipamentos e servizos sociais (sanitarios, educativos, culturais). Se a isto engadímoslle a deficiencia de servizos urbanos no propio asentamento entendemos que se vulneraron os dereitos humanos e sociais máis básicos, xerando patoloxías cada vez máis complexas na poboación e aumentando a brecha que a separa da sociedade.

Ao tratarse dunha intervención imposta dende o poder público, sen participación da poboación, potenciou e alimentou o carácter asistencialista e de dependencia fronte ao empoderamento desexado que busca a autonomía das persoas.

No ano 1991 o asentamento de Penamoa constaba de 76 familias cunha poboación que rondaba as 400 persoas. A escolarización dos nenos e nenas non comezou ata o curso 1990/91 ao abrirse tres aulas na Silva. Neste ano xa se detecta un gran deterioro na convivencia: hai conflitividade e problemas coas drogas, e xa existe rexeitamento por parte da poboación da Coruña.

2008: Plan Especial de Penamoa

A situación empeora en Penamoa co paso do tempo chegando a acadar un número de chabolas que ronda as 99 unidades no ano 2008, ante a impasividade dos poderes públicos, ata que o poboado vese afectado polo trazado dunha grande infraestrutura da cidade, a Terceira Rolda.

Esta motivación “urbanístico- económica”, allea a unha vontade de política social, foi o detonante que forzou á administración a redactar o Plan Especial de Penamoa (PEP), e o Programa Marco de Realoxos.

Análise da intervención municipal do Plan Especial de Penamoa (PEP)

Baseándonos na experiencia de traballo de ASF en proxectos de habitabilidade, expoñemos as seguintes deficiencias identificadas nas distintas fases da intervención:

- Carencias na fase de achegamento á poboación e identificación de problemas:

- Falta de interdisciplinariedade na recollida de información que permita realizar un diagnóstico pormenorizado que inclúa as necesidades e aspiracións da poboación, minimice os riscos existentes e reflicte a complexidade da realidade existente

- Escaso achegamento e comunicación coa poboación e falta de transparencia de cara á cidadanía

- Fracaso na apropiación do Plan por parte da poboación por falta de traballo de empoderamento e implicación da poboación no proceso dende o inicio

- Carencias na fase de diagnóstico e planificación da intervención:

- Limitación do obxectivo ao realoxo e a acadar as habilidades para convivir en vivendas normalizadas, pero non dirixido a lograr unha real inclusión social

- Carencia de medidas de cara á sensibilización da cidadanía, a favor dunha convivencia intercultural, así como medidas enfocadas á inclusión socio-laboral e outros ámbitos de tipo sanitario e educacional

- Falta de eficacia dos instrumentos plantexados de seguemento e coordinación, estrutura de comisións e equipos de traballo

- Despilfarro de fondos públicos, en concreto na construción dos módulos convivenciais, orixinado pola falta de claridade na planificación da súa función e da súa construción

- Carencias na fase de execución e seguemento do Plan:

- Realización nestes 4 anos exclusivamente da fase 1, limitada ao realoxamento das familias, mediante unha axuda económica, utilizando exclusiva ou maioritariamente a modalidade de pisos en venta ou aluguer, no concello de A Coruña e nos concellos limítrofes

- Retraso de 4 anos no inicio da fase 2, de intervención sociolaboral prevista no Plan para anteceder e acompañar os realoxos, da cal aínda se ten previsión de iniciala agora co Programa Acceder, a cargo da entidade Fundación Secretariado Xitano

- Escaseza de medidas específicas de intervención social, educativa ou sanitaria para apoio da poboación adscrita ao PEP, desenvolvemento das actuacións normalizadas e propias dos equipos de traballo social das administracións

- Falta de información e coordinación entre o Concello de A Coruña e os Concellos do Consorcio das Mariñas onde se realoxaron familias procedentes do Plan. Ao non ter recibido previamente as medidas de tipo educativo nin socio-laboral previstas no Plan, a poboación mantén as mesmas relacións laborais que tiñan no poboado de Penamoa carecendo, na maioría dos casos, dunha fonte de ingresos autónoma que lles permita a independencia dos servizos sociais municipais do concello receptor.

2012: Situación actual

Das 99 familias existentes no poboado ao inicio da intervención, 80 delas adherironse ao PEP, e segundo os datos que nos constan en 2011 atopábanse distribuídas da seguinte maneira:

- 20 familias realoxadas (piso en propiedade)

- 16 familias realoxadas (piso en aluguer)

- 24 familias realoxadas noutros concellos limítrofes á Coruña e pertencentes ao Consorcio das Mariñas, sen coordinación entre administracións

- 20 familias en espera de vivenda en casas de familiares, adscritas ao PEP

A maioría das medidas implementadas no PEP son axudas ao aluguer cunha duración limitada. Ao non terse posto en marcha ningunha medida específica de inserción socio-laboral, incluso contando con estas axudas as familias teñen dificultade para facer efectivos os pagos parciais do aluguer ou da hipoteca e dos recibos da auga e da electricidade. As familias non teñen información, nin certeza sobre a continuidade das axudas.

O concello ten previsto planificar unha fase 3 do PEP que dea solución a este problema temporal coa posta en marcha do Plan Municipal de Aloxamento, mais non temos constancia de se está a promover e xestionar os mecanismos necesarios para acometer ese Plan.

Ás 19 familias que segundo o Concello non se acolleron ao PEP, a data de hoxe fóronlles xa derrubadas as súas chabolas por orde xudicial e non está prevista ningunha solución específica para elas.

Dende o inicio dos derrubos houbo ocupacións nos propios terreos de Penamoa e actualmente no Edificio de A Moura, o que evidencia a existencia dun problema aínda por resolver.