Cara un Plan Global de Inclusión Social
Tras os fracasos nos demais poboados chabolistas da Coruña e as incertezas sobre os realoxos previstos para Penamoa, así como o estancamento do Plan Galego de Inclusión Social (como se tivo a oportunidade de comprobar tamén a través de reunións co Xefe Territorial da Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia, o Equipo Territorial de Inclusión Social e o mesmo Subdirector de Inclusión Social da Xunta), o GT foi reflexionando ao longo do ano sobre a necesidade de ter plans e instrumentos para dar vida a unha efectiva inclusión social dos colectivos chabolistas, non soamente o das Rañas (onde, na parte de inserción laboral, chegouse a instaurar unha colaboración con IGAXES3 para a orientación laboral das persoas proactivas do poboado), senón tamén para todos os asentamentos. A estes efectos foise contactando con representantes do Portiño e da Pasaxe, coas concellerías de servizos sociais dos concellos limítrofes (de momento, Arteixo e Culleredo) e coas organizacións e individuos da sociedade civil que as apoian (como Desescribir e a Rede de Dereitos Sociais) para estudar alternativas aos problemas sociais que a inacción ou mala acción do Concello están a provocar.
Por último, estudouse a posibilidade e valorouse positivamente a posibilidade de entrar no Rexistro de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais da Xunta, o cal nos daría a posibilidade de acceder a pequenos financiamentos para levar adiante o noso traballo. Para iso, o GT está a elaborar unha memoria, adaptando a presentación da Comisión de Cooperación Local da demarcación de Catalunya de ASF á nosa realidade e alcance, que se terá que achegar ao resto da documentación administrativa.
Así mesmo para realizar actividades puntuais, o GT conta con aplicar á convocatoria de Entidades de Acción Voluntaria nas cales figuramos a partir do pasado setembro.