Cooperación en As Rañas e outros asentamentos chabolistas da Coruña

2010 Vista aérea de As Rañas

O GT Cooperación Local está a realizar dende febreiro de 2009 un traballo de acompañamento ao asentamento das Rañas, debido aos continuos incumprimentos por parte do Concello da Coruña na execución dun proxecto de rehabilitación das 19 vivendas das familias do poboado.

Tras a pasada entrega dun informe ambiental sobre o poboado, o 2010 empezou coa redacción dun informe completo sobre As Rañas, finalizado en abril e entregado a unha multitude de axentes sociais públicos e privados. Trátase dun traballo que contou coa valiosa participación do voluntariado do grupo e que analiza en profundidade non só a situación do poboado senón tamén os avances da intervención municipal, e dende unha perspectiva critica, as limitacións da mesma, expondo solucións alternativas. Ademais seguíronse a celebrar máis reunións con distintos axentes implicados no proceso, en primeiro lugar, a Concellería de Servizos Sociais do Concello, Fundación Secretariado Xitano, Mar Barcón, expoñentes do BNG e outros actores da sociedade civil, co fin de solicitar información e ofrecer a nosa colaboración para tratar de solucionar a difícil situación.

As reunións con Servizos Sociais e outros actores políticos da súa contorna non deron os froitos esperados, posto que non se comparten os mesmos enfoques, hai moi pouca transparencia por parte da autoridade pública sobre os avances e os cartos gastados ata agora (só temos un control grazas á información que nos pasa a FSG e non é nada alentador) e un intento patente de instrumentalizar as boas relacións entre ASF-E e o poboado para facilitar o traballo do Concello.

A data de hoxe, dun total de 19 vivendas, soamente melloráronse 6 delas a través das intervencións municipais, mentres que o resto das familias seguen á espera despois de 3 anos. Algunhas delas viven en condicións realmente insustentables e con grandes problemas de habitabilidade (co agravante de que moitas delas teñen nenos pequenos). Dende o concello non fan máis mais que darnos longas e poñer escusas sen chegar a ofrecer solucións reais aos seus problemas, tanto a curto como a medio ou longo prazo.

A descoordinación total dos axentes implicados (sobre todo entre concellerías de urbanismo e servizos sociais) e a falta de planificación, compromisos asinados, transparencia e participación da poboación afectada está a provocar a desesperación e un sentimento de desamparo nos habitantes do asentamento que levou o GT a elaborar un manifesto de denuncia do acontecido nas Rañas, co obxectivo de denunciar o fracaso das medidas de erradicación do chabolismo e promoción da inclusión social previstas para o núcleo de familias deste asentamento (onde os prometidos traballos de rehabilitación pararon fai máis dun ano) e doutros 3 asentamentos da cidade, cuxos problemas de infravivenda e integración están lonxe de resolverse.

O pasado 21 de decembro, tras a lectura do mesmo por parte de Esther Gabarri (unha das máis representativas mulleres do asentamento), os xornalistas convidados na rolda de prensa fixeron un percorrido polo poboado onde se entrevistaron con algunhas familias e puideron comprobar o lamentable estado da situación. O evento tivo unha forte repercusión na prensa que tivo un eco considerable nos días e semanas seguintes, con frecuentes aparicións de persoas voluntarias do GT na prensa escrita e oral.

Doutra banda, cabe mencionar os dous Diagnósticos Oculares realizados ás casas de Esther, Lourdes, Pili e á nave abandonada que foron entregados por rexistro ao Concello, coa esperanza de que lles poidan facilitar a entrada nalgún proceso de reacollo.