Cooperación en As Rañas
O poboado das Rañas sitúase na periferia da A Coruña, na contorna do polígono industrial de Pocomaco e nas proximidades das futuras grandes infraestruturas: o AVE, a 3ª Rolda e o Parque Tecnolóxico. Está habitada por unha comunidade de 20 familias de etnia xitana, que adquiriron esta leira no ano 1986.
No ano 2007 o Concello da Coruña informa sobre un proxecto a desenvolver no poboado, consistente na rehabilitación integral do barrio, (19 vivendas) así como na formación e capacitación dos seus habitantes en técnicas de construción.
Despois de dous anos de execución, sete casas foron derrubadas e só tres casas están a rehabilitarse. Á súa vez, non se está contando coa formación e participación dos veciños na rehabilitación das súas vivendas, factor que impide a consecución do obxectivo de reinserción laboral e social das persoas beneficiarias da intervención. O ambiente de malestar vese finalmente agravado polo estado cada día máis lamentable das vivendas existentes.
O GT Cooperación Local realizou desde febreiro de 2009 un traballo de acompañamento ao asentamento para investigar os problemas que máis afectan a súa poboación. Durante todo o ano foise traballado para a mellora das condicións hixiénicas e o fortalecemento organizativo do barrio, acompañando ás familias do poboado na realización das seguintes actividades:
- Recollida de residuos no espazo comunitario do poboado
- Xestións para a colocación de papeleiras, colectores separativos de residuos e desratización por parte da Concellería de Medio Ambiente
- Estudo sobre o estado no que se atopan as vivendas do barrio
- Reunións comunitarias coas familias do barrio para valorar a situación e tratando de reforzar a súa capacidade organizativa
Ademais, realizáronse reunións con distintos axentes implicados no proceso (Concellerías do Concello, Arquitecto responsable do proxecto, Fundación Secretariado Xitano, Oficina Voluntariado da Universidade...) co fin de solicitar información e ofrecer a nosa colaboración para tratar de solucionar a difícil situación.
Para iso, no mes de agosto presentouse ao Concello (Concellerías de Asuntos Sociais, Urbanismo e Medio) un informe sobre o estado do asentamento desde unha perspectiva ambiental e máis recentemente (a principio de decembro) enviouse unha carta á secretaría do Alcalde co fin de concertar unha reunión para a busca de solucións. A cita foi concedida finalmente coa Concelleira de Servizos Sociais, Silvia Longueria, e está prevista para o 22 de febreiro.
Actualmente estase levando a cabo un traballo de identificación e toma de datos, co fin de elaborar un informe técnico máis completo e valorar as posibles liñas de actuación para a elaboración dun proxecto que poida conseguir financiamento.