Plan de Inclusión Social 2014
- Descrición do plan
- Área de Educación
- Área Laboral
- Área de Habitabilidade 2014
- Accións Comunitarias
- Accións Transversais
- Proxectos
- Proxecto intervención integral para a inclusión…
- Traballadora social para programas de inclusión social
- Adquisición de furgoneta para Mulleres Colleiteiras
- Creación alternativa de autoemprego para mulleres…
- Seguimento dos itinerarios personalizados de inclusión social
- Acompañamento Itinerarios Habitacionais
- Acompañamento Itinerarios Inserción Sociolaboral
- Traballadora sociosanitaria programas de inclusión…
- Convenio PAIDEIA
- Convenio EDAR BENS
- Convenio Concello Culleredo
Plan de Inclusión Social 2014
Accións Comunitarias
Co obxectivo de motivar as relacións comunitarias e a participación a través de accións específicas nos asentamentos, buscando a súa implicación e participación activa, desenvolveronse “Actividades comunitarias a través da fotografía”, orientadas á poboación en xeral e as persoas xóvenes en particular, por considerar o tramo de idade cun alto grado de vulnerabilidade, tanto no eido formativo e de inserción como na socialización e participación comunitaria, ao necesitar un maior reforzo e acompañamento sendo susceptible de perpetuar a situación de exclusión social do contexto. Esta acción que se desenvolveu conxuntamente co fotógrafo Gabriel Tizón naceu co obxectivo de, en palabras do autor, “visibilizar unha comunidade veciña totalmente descoñecida para a maioría da poboación tal como é a xitana e chabolista. Un pobo que vive entre nós, e que a través da fotografía se pretende dar a coñecer a súa cultura, costumes, cotidianidade e sobre todo a situación na que vive diariamente a través da arte fotográfica. Achegar, concienciar e familiarizar uns con outros sería o obxectivo principal”.
Con este obxectivo desenvolveronse as seguintes actividades específicas:
Veciñ@s de As Rañas
Retratos de familias realizados nas ventás das súas vivendas do poboado de As Rañas e expostos no mesmo lugar no que se realizaron as imaxes. Esta acción tivo un dobre beneficio social, tanto como actividade grupal, favorecendo o empoderamento comunitario da veciñanza de As Rañas e como actividade de sensibilización, achegando a visibilización desta realidade silenciada á cidadanía. Polo tanto, o que se pretendía era favorecer a interculturalidade e así combater os estereotipos e a discriminación. Achegando esta exposición ao lugar onde se tomaron as fotos, sendo as persoas fotografadas as protagonistas, pretendeuse abrir as portas á cidadanía para que se achegaran a coñecer e participar desta exposición e, en definitiva, a coñecer unha parte mais da nosa cidade. A actividade estendeuse ao longo dunha xornada e contou coa participación de arredor de 20 persoas de fora do poboado, ademais da implicación activa das persoas que habitan nel. Rematou cunha comida de celebración e coa organización de xogos para os máis pequenos. Unha oportunidade de compartir unha xornada de convivencia cas persoas do asentamento fora do día a día logrando afianzar a cohesión e o sentimento de grupo.
Obradoiro de Fotografía Entre Nós
Impartido polo fotógrafo Gabriel Tizón, “ofrece a posibilidade de coñecer o idioma fotográfico co obxectivo de que sexan eles mesmos os que nos conten a súa propia realidade a través das súas miradas nunha exposición onde eles son os protagonistas, facéndoos sabedores das posibilidades da fotografía como ferramenta e como posibilidade de futuro”. O obradoiro desenvolveuse ao longo de 16 xornadas teóricas e prácticas durante os meses de setembro, outubro e novembro con un elevado nivel de implicación e rendemento por parte dos nenos participantes.
Un total de 12 rapaces e rapazas, dos asentamentos de As Rañas e a Pasaxe, manifestaron a través da fotografía as súas inquedanzas e desexo de coñecer a cidade e o contexto que os rodea, como canle para a convivencia e establecer unha relación de confianza.
Este obradoiro resultou un éxito tamén en canto a asistencia, debido a que remataron o curso a totalidade do alumnado, algo inusual en obradoiros deste tipo, o cal demostra a implicación por parte dos nenos.