Plan de Inclusión Social
Plan de inclusión social en As Rañas e A Pasaxe
Descripción do Plan
Criterios de traballo
1. Implicación de todos os axentes participantes. Corresponsabilidade social da intervención
Para conseguir a inclusión social da poboación en risco ou en exclusión social é necesario unha decidida vontade política e un esforzo tanto dos poderes públicos como da sociedade civil.
O fenómeno da exclusión social trátase dun problema complexo que precisa unha perspectiva interdisciplinar para a súa abordaxe e unha diversidade de axentes que participen activamente en todas as fases da intervención: na identificación, na formulación, na execución, no seguimento, na avaliación e na reformulación continuada nun proceso aberto.
Englobamos a diversidade de axentes ou actores en 3 grupos imprescindibles:
- Poderes públicos locais, comarcais e autonómicos con competencia nos distintos ámbitos de prestacións de servizos ao cidadá onde se concretan as problemáticas dos colectivos excluidos
- Persoas Técnicas: entidades profesionais do Terceiro Sector e persoal técnico da Administración
- Cidadanía: colectivos en exclusión que serán os protagonistas, dinamizadores e articuladores do seu propio proceso de cambio, os movementos sociais e a cidadanía en xeral
2. Planificación dunha intervención integral e coordinada:
- Integral, con medidas habitacionais, sanitarias, educativas e laborais ademáis dunha potente intervención de sensibilización social de cara á cidadanía e de educación para o empoderamento da poboación afectada
- Coordinada a través de mecanismos de comunicación, seguemento e avaliación compartida
3. Visibilización e enfoque intercultural
Buscar a visibilización desta complexa realidade invisibilizada como primeiro paso para combater o illamento e a segregación, permitir un achegamento da sociedade ás persoas excluídas e combater os prexuizos e mensaxes racistas, caricaturescos e discriminatorios difundidos polos medios de comunicación e interiorizados na sociedade. Todos os individuos teñen dereito a que a súa cultura sexa respetada, coñecida e valorada. A diversidade cultural é un dos factores que constrúen a cidadanía e que posibilitan o seu pleno dereito.
4. Traballo de empoderamento da poboación
É preciso traballar a motivación e a implicación da poboación dende as fases iniciais de identificación e deseño da intervención, e contar coa súa participación en todo o proceso.
Plan de Inclusión social en As Rañas e A Pasaxe
Dende o ano 2008, a liña estratéxica de actuación local de ASF-Galicia céntrase exclusivamente no traballo social cos asentamentos precarios de A Coruña, polo que xa conta cun coñecemento profundo do problema e avaliada experiencia no terreo.
ASF entende a “Erradicación do Chabolismo” como a satisfacción dun conxunto de necesidades que se deben encadrar dentro dun programa de accións que teñan como obxectivo a inclusión social, por iso o nome do proxecto que ASF desenvolve no marco da problemática chabolista de A Coruña leva o nome de “Programa de inclusión social en asentamentos chabolistas”.
Para abordar a planificación dun proxecto de inclusión social, son varias as áreas de intervención a ter en conta e acadar unha coordinación e interrelación entre os distintos ámbitos: a educación, como medida prioritaria para a integración social; a sanidade das persoas, tanto no seu estado físico como psíquico; a situación laboral, como aspecto fundamental e principal, xa que o emprego non é soamente un dereito social nin a principal e case única fonte de ingresos na sociedade de consumo, senón o principal mecanismo de integración social e desenvolvemento persoal. E finalmente, a habitabilidade, o dereito a un fogar e un entorno axeitado onde poder acadar un desenvolvemento humano e social.
Dende ASF priorízase a fase de identificación das necesidades e de cohesión social coa poboación como elemento clave para iniciar calquera proceso de desaloxo no que o obxectivo principal non sexa exclusivamente o desmantelamento do poboado, senón que procure unha verdadeira inclusión social da poboación afectada.
O apoio e implicación das organizacións de base social e da propia poboación afectada, considerándoa coma os protagonistas do proceso dende o seu comezo favorecerán o éxito da iniciativa de inclusión social co fin de acadar un impacto positivo na sociedade.
Desta forma, a intervención a realizar ten un plantexamento integral baseada en catro eixos técnicos interrelacionados:
- Area de Educación
- Área Laboral
- Area de Habitabilidade
- Area de Saúde
Cada unha destas áreas integrarase por un equipo de profesionais e un grupo de voluntarios/as que reforzará e optimizará os recursos existentes no seu contacto coa poboación.
Estas catro áreas estarán coordinadas a través dun centro de coordinación (CECOR) cuxo obxectivo será organizar e formular coas diferentes áreas os proxectos e actividades a seguir así como as estratexias acordadas, elaborando as directrices do traballo co fin de evitar a duplicación e aumentar ao máximo as sinerxias.
Será neste espazo onde se concentrará toda a información do proxecto e onde se farán as pertinentes coordinacións de valoración e seguimento con todos os axentes implicados.
Organigrama da proposta
Considerando clave a información, transparencia e xestión integral de todo o proceso, de tal xeito que resulte participativo e consensuado coa poboación afectada e que se complemente con medidas de educación en valores e sensibilización de cara á cidadanía.
Tomando como punto de partida o contacto, o fondo coñecemento da poboación e fase de identificación das necesitades, desde o Grupo de Cooperación Local de Arquitectura Sen Fronteiras Galicia póñense en marcha diversas accións nos 4 ámbitos de integración e de xeito transversal:
1. Área laboral:
Proxecto de ámbito laboral que se presenta co título: “Proceso participativo de Estudo de viabilidade e creación de alternativas de autoemprego e de Acompañamento no desenvolvemento dos Itinerarios Personalizados de Inserción SocioLaboral”. Pretende cubrir unha primeira acción a desenvolver no ámbito da integración no mercado de traballo enmarcado dentro do programa integral, “Programa de inclusión social en asentamentos chabolistas” de xeito coordinado coas demais áreas.
O Proxecto, a desenvolver durante o ano 2012, coa financiación da Xunta de Galicia, Consellería de Traballo e Benestar, pretende dar continuidade as accións iniciadas mantendo a metodoloxía de traballo e o contacto coas familias para non frear o proceso participativo de motivación e empoderamento.
Deste xeito, pretente continuar coas liñas de traballo e incidir en varias liñas de intervención:
Por unha banda, o acompañamento á poboación na elaboración e cumprimento dos Itinerarios Personalizados de Inserción SocioLaboral (IPIS) en coordinación cos servizos comunitarios básicos.
Dentro desta liña potenciarase a participación, motivación e implicación da poboación nos procesos de acompañamento e asesoramento para a formación e inserción laboral da poboación desempregada dos asentamentos chabolistas:
- Acompañamento no desenvolvemento dos Itinerarios Personalizados de Inserción SocioLaboral
- Promover o acceso aos recursos da zona e a formación ocupacional mediante a información sobre recursos comunitarios, orientación e apoio personalizado
- Actividades para coñecer, dinamizar e potenciar as capacidades e recursos persoais e sociais
- Elaboración, acompañamento persoalizado e seguimento do itinerario persoalizado de inserción (formación, elaboración de curriculums, cursos de habilidades, busca de emprego… aproveitar e fortalecer os recursos existentes). Apoiar a labor e facer de intermediarios entre os recursos existentes, municipais e de entidades do Terceiro Sector, e a poboación, achegando as persoas aos recursos e viceversa
- Derivación a recursos ou servizos especializados e seguimento conxunto cos técnicos
Por outra banda, o estudo de viabilidade e posta en marcha de alternativas de autoemprego; que permita á poboación acceder a un traballo normalizado remunerado.
O obxectivo é a creación dunha alternativa de autoemprego para mulleres en exclusión social vinculada á xestión do aceite doméstico vexetal (soia, xirasol e oliva) usado, orientada á súa recollida en circuítos pechados, concertados coa administración, para o seu posterior tratamento e utilización directa no ámbito local, logrando unha proposta eficiente na xestión deste residuo, sensible e respectuosa co medioambiente.
Trátase de promover un proceso de normalización das actividades de xestión de residuos urbanos desenvolvidas pola poboación chabolista, nomeadamente de etnia xitana e cigana, durante os últimos anos de xeito informal e adaptala ao sector formal de autoemprego optimizando os seus rendementos. Na actualidade as actividades de recollida de residuos, principalmente chatarra e cartón, se desenvolven de xeito informal, sendo obxecto incluso de sancións administrativas, carecendo dos permisos e condicións precisas, con falta de recursos e equipamento, e cunha moi baixa rendibilidade e dignificación do traballo realizado.
Tralo traballo participativo e de empoderamento realizado coa poboación obxecto durante os dous últimos anos e ante a resposta recibida por parte das mulleres, considerouse a creación dunha alternativa de autoemprego dirixida exclusivamente ás mulleres, preténdendo utilizar esta premisa como medida de acción positiva para fomentar e motivar o emprego feminino.
2. Área Educación
No relativo á Educación da poboación, contémplase tanto a educación e escolaridade dos menores, os xóvenes e os adultos que presentan altas taxas de analfabetismo.
Lévanse a cabo actividades específicas tales como:
- Acompañamento e seguimento dos e das menores en idade de escolaridade obrigatoria por parte dos pais e nais e as persoas técnicas do centro escolar de referencia.
- Implicación por parte dos país e nais na vida escolar dos e das menores
- Concertar citas co persoal orientador escolar e incidir no seguimentos dos casos
- Información e asesoramento sobre os servizos de apoio escolar aos e ás menores
- Control de asistencia e resultados dos e das menores
- Información, orientación, asesoramento e acompañamento nos procesos de tramitación (selección e matriculación) de Servizos de Gardería, Escolaridade Obligatoria, Programas de Cualificación Profesional Inicial (PCPI) e ESA…
- Derivación a Recursos especializados que impartan clases de alfabetización, apoio e competencias clave, acompañamento e seguimento conxunto coas persoas técnicas
- Clases de Apoio e Alfabetización in situ, organizadas por voluntariado con formación específica no ámbito da educación, que se pretenden trasladar e formalizar, de xeito que resulten mais operativas e poidan dar cabida a mais usuarios e usuarias.
3. Área de Saúde
- Traballo de indentificación da problemática en materia de saúde, tanto física, pisocolóxica e ambiental.
- Apoio psicolóxico e derivación a recursos especializados en casos específicos que requiran de tratamento psicolóxico.
- Información e asesoramento sobre as posibles alternativas e recursos da zona, facendo fincapé na importancia desta área e das consecuencias que teñen sobre as persoas.
- Contacto con Médicos del Mundo para o traballo de identificación das diferentes problemáticas e necesidades para elaborar un programa de intervención.
- Organización de traballos comunitarios enfocados á mellora dos asentamentos e das condicións de salubridade, buscando a implicación e participación da poboación.
4. Área de Habitabilidade
A metodoloxía utilizada por ASF-Galicia con 3 fases diferenciadas: Diagnóstico - Itinerario - Intervención ten o seu reflexo neste Proceso participativo de Elaboración de “Itinerarios Habitacionais”. A fase de Diagnóstico inclúe tanto un Diagnóstico Comunitario como un Diagnóstico Individualizado.
Implicada a poboación dos asentamentos de A Pasaxe e de As Rañas recoñecendo o seu papel primordial e activo en relación á mellora das súas condicións de habitabilidade dende a fase inicial de recollida de información.
As distintas actividades desenvolvidas con énfase no traballo de campo permitiron crear unha complicidade entre os voluntarios de ASF-Galicia e a poboación dos asentamentos de A Pasaxe e Rañas que tivo como resultado o acompañamento da poboación nun proceso de tránsito encamiñado a acadar un modelo habitacional axeitado ás súas necesidades e aspiracións.
Elaborando conxuntamente entre persoas usuarias, técnicas e políticas un itinerario habitacional axeitado para cada unidade convivencial, tendo en conta as súas necesidades e aspiracións, os recursos dispoñibles e contando coa súa motivación e implicación.
A partir do Informe de Habitabilidade elaborado cos datos recollidos nas Fichas de Identificación das Unidades de Convivencia (UC), redactase un Diagnóstico de Habitabilidade que reflicte tanto os recursos dispoñibles coma as necesidades identificadas de cada UC, o que nos aporta as pautas de partida para esbozar o Itinerario Habitacional de cada unha das UC.
Un dos obxectivos fundamentais é procurar novas alternativas habitacionais a medio-longo prazo para a poboación dos asentamentos precarios e activar propostas para a súa implementación contando coa compoñente de inclusión sociolaboral e, con carácter urxente, promover medidas comunitarias relacionadas coa salubridade nos asentamentos.
O traballo técnico é imprescindible para artellar novos mecanismos que resulten máis eficaces e eficientes no labor de loita contra o chabolismo e a exclusión social, incentivando procesos baseados na implicación directa da poboación e na coordinación e suma de sinerxias entre distintas entidades e recursos.
Algunhas das propostas habitacionais que se están a desenvolver, pola súa necesidade de emerxencia humanitaria, están sendo avaliadas polo persoal técnico dos servizos sociais comunitarios, traballando de forma coordinada para acadar unha alternativa habitacional viable e sostible para estes dous casos do asentamento de A Pasaxe.
Paralelamente estase a traballar de xeito coordinado co equipo da Area de Insercion SocioLaboral do Programa de Inclusión Social en asentamentos chabolistas de ASF- Galicia.
Outras accións concretas que se están a desenvolver:
- Análise documental da lexislación relativa ao ámbito da intervención, dos recursos materiais potenciais e dispoñibles, e análise de actores, dos recursos humanos potenciais e dispoñibles
- Asistencia a xornadas informativas da lexislación relativa ao ámbito de habitabilidad para a erradicación do chabolismo e a inclusión social e dos recursos materiais dispoñibles
- Reunións informativas de recoñecemento dos recursos públicos existentes (humanos e materiais) na loita contra a exclusión social.
- Convócanse e celébranse reunións co Concelleiro e co Director de Servizos Sociais do Concello de A Coruña, coa Concelleira de Servizos Sociais e co Concelleiro de Urbanismo do Concello de Culleredo, co Concelleiro de Servizos Sociais do Concello de Oleiros, co Presidente e co Directos da Area de Servizos Sociais do Consorcio das Mariñas, IGVS…
- Reunións informativas de recoñecemento dos recursos privados existentes (humanos e materiais) na loita contra a exclusión social e vinculados á area de habitabilidade-salubridade
- Recopilación de información no contexto da Unión Europea: lexislación e recursos potenciais e dispoñibles
- Acompañamentos e visitas a posibles bens vinculados aos Itinerarios Habitacionais
- Reunións de recollida de información urbanística de posibles bens vinculados aos Itinerarios Habitacionais
- Desenvolvemento do traballo técnico necesario (formulación de subvencións públicas ou solicitude de financiación privada, bases para a redacción de proxectos arquitectónicos, tramitación e propostas de alegacións urbanísticas…) para activar as propostas de implementación dos “Itinerarios Habitacionais” trazados
E de xeito transversal:
Actividades de traballo comunitario e empoderamento, para formar á poboación nas habilidades pre-laborais e incidir na importancia da cohesión grupal e o traballo en equipo.
É fundamental levar a cabo unha labor pedagóxica e de sensibilización para facer chegar a problemática e a situación real das familias, e romper coa invisibilade e descoñecemento que esta poboación padece.
A este fin, realizáronse diversas campañas de difusión e sensibilización da problemática e as actividades a desenvolver, por medio da realización de documentais audiovisuais, charlas en colexios, institutos, universidades... difusión e contacto con diferentes entidades e poderes públicos, etc.
Realización dunha xornada de limpeza da franxa da ría do Burgo colindante co asentamento da Pasaxe. Planteouse coma unha medida comunitaria que potenciou o empoderamento e a organización do grupo inicialmente bastante desestruturado e dividido. A actividade enfocouse a un ben natural e público, a ría e a contorna medioambiental, para afastarse de intereses particulares dentro do poboado e amosar á cidadanía a capacidade e o interese da comunidade xitana e portuguesa polo coidado do medio ambiente e a participación social na mellora das condicións da contorna.